CAMELIAS MASCOTAS

Babykatze: “Paréceme moi linda a oportunidade de poder usar as instalacións dun lugar tan bonito”

A arxentina Babykatze é un dos novos nomes que atoparemos este sábado no Museo do Mar. Tras probar como batería e guitarrista en diferentes agrupacións, agora busca un son máis persoal a través da electrónica.

Babykatze no Flop Festival de Pontevedra | Beatriz Ciscar

Como definirías o que fas a alguén que non che coñeza?

Sempre me custa moito definir o estilo musical, eu síntoo como unha especie de pop electrónico con elementos witch house, faime lembrar a Crystal Castles, Grimes. Desde un punto de vista máis global, é unha representación de ideas que están moi presentes na miña mente e que teñen que ver co crecemento persoal, o  autocoñecemento, a percepción de nós mesmas, diálogos internos e sentimentos que resultan difíciles de entender, especialmente cando hai moita desconexión entre o que é e o que cremos que debería ser.

Como e cando nace o teu proxecto musical?

Aos 16 empezoume a interesar a música e fun pasando por distintas bandas, tocando a guitarra e a batería, ata que sentín que necesitaba facer algo moito máis persoal e que tiña ganas de desenvolvelo enteiramente de principio a fin. No 2014 un amigo ensinoume a usar o Ableton Live e ameino, empecei a experimentar moito con esta forma de facer música que era moi nova para min e da pouco foise definindo un estilo máis concreto.

Que che parece esta iniciativa de Vigo Emerxe?

Paréceme súper necesaria, unha forma de darlle un lugar á escena artística emerxente de Vigo no programa cultural da cidade. Paréceme moi linda a oportunidade de poder usar as instalacións dun lugar tan bonito como o Museo do Mar de Vigo, que doutra forma sería moi difícil de conseguir para artistas emerxentes, e que o evento sexa gratis para que o que queira póidase achegar e coñecer proxectos xestados nesta cidade, onde hai xente facendo cousas moi interesantes e que non sempre ten un espazo para compartilas.

Que outros artistas locais gustaríache ver no festival?

Encantaríame ver Cult of Auspex, Alicia Carrera, Tulip, Pálida, Lupita Hard e Yugen Kala, por nomear algúns.

Que opinas da escena musical local?

REVISTA NOVEMBRO

Ás veces sinto que se fai difícil levar adiante propostas que se saian un pouco do habitual, pero por sorte segue habendo locais como Radar Estudios e La Fábrica de Chocolate Club que apostan por traer proxectos diferentes e actuais moi interesantes.

Proxectos para este ano e o que vén.

Ata o de agora,  BABYKATZE era unha vía de escape onde envorcaba todo o que me saía dunha forma máis experimental. Este ano empecei a estudar son e estoume dedicando a producir e compoñer cousas novas cunha dirección máis definida. Quero seguir expandindo o concepto de  BABYKATZE a outras áreas, desenvolver máis a parte visual e estética, traballar no directo desde un enfoque máis multidisciplinar. Facer que sexa unha experiencia máis completa, un universo coa súa propia lóxica e a súa propia linguaxe.