REVISTA ABRIL

‘IlustradAS’, unha mostra das nosas mellores ilustradoras no Museo Liste

O Museo Liste (Rúa Pastora, 22) inaugurou o pasado 26 de marzo a exposición IlustradAS, dentro do proxecto Sororidade, iniciado en 2019. Nesta exposición atoparemos a algunhas das grandes ilustradoras viguesas dos últimos anos, como Eva Casais, Laura Tova, Paula Mayor, Candela Piñeiro ou Inés Eliorreta. A exposición ampliarase nos vindeiros meses.

REVISTA ABRIL

O 26 de marzo ao mediodía tivo lugar no Museo Liste a apertura da exposición IlustradAS, englobada dentro do proxecto feminista Sororidade. Esta iniciativa quere ser, desde a súa orixe en 2019, un espazo de concienciación no que afondar na necesidade dunha educación en igualdade, para traballar cos Centros de Ensino e Asociacións na realización de accións conxuntas que conduzan á reflexión.

A exposición comeza cunha escolma de obras de ilustradoras galegas como Eva Casais, Laura Tova, Paula Mayor, Candela Piñeiro e Inés Eliorreta. Nos vindeiros meses sumaranse outras máis ao cartel, como Abi Castillo, Gemma Marqués, Nuria Figueirido, Lidia Cao, María Uve e Bea Gregores. Todas elas, artistas talentosas e implicadas, encherán as salas do Museo de reflexións gráficas aportando unha perspectiva actual e vivida do tema proposto a través das súas ilustracións, collages, viñetas, etc.

Colabora, de xeito especial, a asociación Mulleres e Palabras, un grupo de mulleres coa base de operacións en Teis que realiza diferentes actividades para crear un espazo cómodo, libre de violencias e que quere visibilizar ás artistas e a súa obra. Liderado por Rosa Chantada, levan realizando desde xuño do 2020 todo tipo de iniciativais culturais, como encontros literarios con escritoras (María Reimóndez, Berta Dávila ou Eli Ríos), exposicións, senderismo ou cursos de formación.