VIALIA
PLAYDOC

Alessandra García (actriz): “Podemos falar con humor da inxustiza e a precariedade”

A actriz e creadora Alessandra García trae por primeira vez a Galicia Mujer en cinta de correr sobre fondo negro, peza de teatro social contemporáneo que concentra o latexo dun barrio malagueño de clase baixa. A cita é o domingo na Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia.

A polifacética actriz, dramaturga e xestora cultural malagueña Alessandra García chega este domingo a Galicia con Mujer en cinta de correr sobre fondo negro, unha peza de teatro contemporáneo creada e interpretada por ela mesma coa que resultou gañadora do Premio ao Mellor Espectáculo Revelación nos premios Max e o Ojo Crítico na categoría de teatro, ambos en 2022. Podemos ver esta premiada produción na 39º edición da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, no monumental Auditorio do Castelo, o domingo ás 23h. (Ver programa completo)

O ecelecticismo percorre a carreira de García. Decidiu estudar teatro despois de quedar coa boca aberta co musical de Chicago (nunca volveu interesarse polo xénero) tendo xa a maioría de idade. “Na miña familia non hai herencia de cultura, mais ben de cervexa e cámping, pero eu fun sempre moi artística de xeito intuitivo”. Despois asistiría a La habitación de Isabella e aí si atoparía inspiración para a súa linguaxe escénica.

Convencida de que a arte ten que ocupar o espazo público, o seu traballo segue a liña do teatro vivo, relacional e provocativo. En Chaquetera, convida aos asistentes ao seu camarín, para que escollan as súas chaquetas, creando diferentes personaxes que chatean por Whatsapp co público. En La perra que habito métese no papel dunha cadela solta polo mercado da cidade á que a xente acariña, dá de comer e beber ou reprende. “A performance acaba cando deixo de sentirme unha cadela e empezo a interpretar o papel”, explica Alessandra.

REVISTA MAIO

En Mujer en cinta de correr sobre fondo negro a interacción non é tan salvaxe, pero está. Antes do espectáculo reparte caraveis laranxas entre o público para que llos lancen nun momento da obra. É un precioso homenaxe a un costume que tiña de nena. Entregaba aos seus avós as flores de plástico dos xarróns da casa para que llos lanzasen, tal e como vía facer no Tívoli, o escenario do parque de atraccións malagueño onde García viu actuar a Rocío Jurado, Rafael ou Los Morancos.

O ambiente malagueño é a columna vertebral da peza que veremos na MIT, na que Alessandra fai unha radiografía dun barrio típico da súa cidade. Podería ser o da súa infancia, El Bulto, que xa non existe; ou outro calquera da periferia. E que pasa nese barrio? De todo e nada en especial. “O mesmo que en calquera de clase baixa, onde as persoas non teñen a sensación de ser pobres”, resume a creadora. Mujer en cinta de correr sobre fondo negro visita casas demasiado pequenas con neveiras demasiado baleiras e habitantes dispostos a ignorar a precariedade colgándose un Gucci falso no ombreiro. Tamén a froitería da esquina, o bar de abaixo, a veciña, a súa amiga, a xente que espera o autobús… Di a sinopse que se puidesemos comela sabería a Málaga. Supoñemos que a ajoblanco e pescaíto frito.

Alessandra, enfundada nun traxe flúor que pouco ten que ver coa tradición, transmite tamén empoderamento e homenaxe á cultura popular nesta peza, “ao noso xeito de sentir, de falar, de vivir e tamén de vestir”, explica. A obra comeza co alegato a berros dunha merdellona, o mote despectivo que os invasores franceses puxeron ás persoas de clase baixa en Andalucía no século XVIII. Nesa cotidianeidade esaxeradamente concentrada é onde a literatura e o teatro encontran habitualmente a linguaxe que fai que o público se identifique co que ve. E que ría. “O humor é unha parte fundamental de todos os meus espectáculos. Podemos falar con humor tamén da inxustiza, a miseria e a precariedade”. Palabra de actriz.

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.