CAMELIAS MASCOTAS

A Reconquista volve á Porta do Sol e xa ten datas

A festa popular máis importante de Vigo, A Reconquista, xa ten datas. Celebrarase do sábado 25 de marzo ao domingo 2 de abril, sendo esta última data o día grande da celebración. Outra das novas é que a representación desa xornada volve á Porta do Sol despois de atoparse en obras varios anos.

REVISTA NOVEMBRO
Xeneral das tropas francesas mostrando os cabelos de Aurora | P. Vázquez

A 27ª edidicón da Reconquista de Vigo xa ten data. Máis aló do 28 de marzo, festivo local, a festa extenderase ao longo dunha semana polo Casco Vello. O sábado 25 de marzo comezarán os actos coa invasión das tropas napoleónicas e a destitución do alcalde Vázquez Varela na esplanada do Berbés. O seguinte evento será o 30 de marzo coa Reconquistiña, iniciativa dirixida aos vigueses e viguesas máis pequenos. A xornada grande será o domingo 2 de abril coa tradicional representación, organizada e interpretada pola Asociación Veciñal do Casco Vello.

A outra gran novidade é que este gran acto volve a realizarse na Porta do Sol, primeira vez desde a edición de 2019. Nos anos 2020 e 2021 a festa tivo que ser cancelada por mor da pandemia causada pola covid-19 e no 2022 celebrouse no Náutico, pois a zona cero de Vigo continuaba en obras.

O mercado de artesanía e comida aínda non ten datas concretas. O pasado ano estivo operativo desde o venres ás 19:00 ata o luns (festivo) ás 21:30. Para os profesionais que estean interesados en ter un posto no mercado deste ano, a AAVV Casco Vello abre as solicitudes do 23 de xaneiro ao 20 de febreiro. En 2022, ademais das tradicionais representacións e postos, houbo concertos (Sniff & Crash) e actuacións musicais en diversos torreiros espallados polo casco antigo. Outro evento tradicional por estas datas é o Retapas, o concurso de petiscos no que participan os locais de hostalería da zona vella.