VIALIA
CAMELIAS NADAL

O Entroido xa ten datas e programación

O Entroido vigués volve cunha programación que lembra á da vella normalidade. Celebrarase do venres 25 de febreiro ao mércores 2 de marzo en diferentes puntos da cidade. O meco e os concertos situaranse en Policarpo Sanz, as actividades infantís na Praza do Rei e o desfile sairá desde Travesas ata o Concello.

CAMELIAS NADAL

Volve o Entroido en Vigo e semella que case sen restriccións. A organización corre ao cargo da Federación de Centros Culturais e a Agrupación de Peñas El Olivo, que contan cun orzamento de máis de 90.000€. O venres 25 arrinca a festa coa entronización do Meco, que estará situado na rúa Policarpo Sanz, fronte ao Teatro Afundación, desde as 20:00. Ao día seguinte terá lugar o desfile de comparsas e carrozas, que este ano sairá desde Travesas ás 18:00 e percorrerá Praza América, Camelias e remata na rotonda do Bicentenario, fronte ao Concello.

Ás 21:00 dese mesmo día actuará Cherry Sweet nun escenario situado en Policarpo Sanz. Por definir está aínda o día e o lugar onde Broken Peach fará o propio. Polo tanto, a programación musical deste Entroido opta por bandas de versións locais, ambas con gusto polas harmonías vocais. O domingo 27 ás 17:00 haberá actuacións infantís e obradoiros nunha carpa situada na praza do Rei, actividades que se repetirán o luns. Ese día tamén haberá animación de rúa polo centro da cidade ao redor das 18:00.

O martes 1 de marzo terá lugar o concurso de disfraces na carpa da Praza do Rei, con modalidades infantil e adulto. Máis tarde, sobre ás 21:00, o Meco arderá en Policarpo Sanz, onde tamén acontecerán as exequias funerarias e o sepelio ao día seguinte, o mércores 2. Tras o acto, outorgaranse os premios aos gañadores do concurso de disfraces do desfile. Tamén se habilitarán diferentes espazos de animación ao longo destas xornadas, aínda por confirmar a súa localización exacta.