COSTEIRASONORA
REVISTA VERAN

O festival con cartel secreto xa ten datas

O Festival Sinsal, famoso polo seu cartel secreto e pola aposta por proxectos distintos aos habituais, volve á Illa de San Simón os días 21, 22 e 23 de xullo. O evento contará este ano con tres escenarios, nos que actuarán máis de vinte bandas e solistas procedentes de África, Asia, América e Europa.

Julián Mayorga durante o seu concerto no festival en 2022 | P. Vázquez

Auga, unha illa e, como sempre, un cartel secreto. Sinsal celebra unha nova edición do festival na illa de San Simón os días 21, 22 e 23 de xullo de 2023. Tres xornadas de directos con propostas musicais contemporáneas e diversas en canto o estilo e a orixe das máis de vinte bandas e artistas que participarán na súa programación secreta: o público só descobre quen actúa cada día unha vez desembarca esa mesma xornada na Illa.

Sinsal é un dos encontros sonoros máis coidados e singulares do panorama musical estatal, que ofrece cada ano, a un público reducido (800 persoas por día) a posibilidade de gozar dunha pequena mostra da creación contemporánea máis estimulante do momento. Desde os seus inicios, a promotora Sinsalaudio impulsou un evento cultural para visualizar as artistas próximas á creación contemporánea da escena galega e estatal, mais tamén con espazo para creadoras e creadores do ámbito internacional. Todas elas, chegadas desde os cinco continentes, presentaron en San Simón as súas propostas musicais para, anos despois, ser parte de carteis de grandes festivais e de salas de concertos de todo o mundo. Este ano, Sinsal volverá acoller a estrea estatal de numerosas agrupacións e solistas chegadas doutros países. Artistas que, tamén como é habitual no festival, convivirán co público asistente durante a súa estancia no corazón da Rías Baixas.

A edición 2023 do festival desenvolverase en horario diurno. O público chega en barco ata a illa para gozar das actuacións que este ano teñen lugar en tres escenarios diferentes abertos a todos os estilos e experiencias, desde os sons populares até a música experimental, pasando por outras iniciativas sonoras. Tamén hai tempo para coñecer o patrimonio oculto da illa a través de diferentes actividades divulgativas que se desenvolven en diferentes horarios ao longo o día. Asi, durante toda xornada, e ata coller o barco de volta co solpor, as e os asistentes poden experimentar unha proposta singular única no panorama musical estatal, na que música, cultura, diversidade, igualdade e sostibilidade conviven co patrimonio natural dun espazo declarado Ben de Interese Cultural.

Premiado pola súa contribución á igualdade

SONRIAS

O festival vén de gañar esta mesma fin de semana nos Iberian Festival Awards (os premios da industria de festivais en España e Portugal) o galardón estatal ‘Best Contribution to Equality’, que o sitúa como o evento máis relevante en canto á Contribución á igualdade. Este premio pon en valor a aposta de Sinsalaudio por favorecer o achegamento a todos os sons, ideas e instrumentos do mundo; ademais de nunca repertir no seu cartel creadoras e creadoras, ou o coñecemento de novos artistas (o 90% das bandas e solistas actuaron en 2022 por vez primeira en Galicia ou España en San Simón). Alén disto, o compromiso de Sinsal coa igualdade vén referendado polo equilibrio da súa programación: un mínimo do 50% das artistas e do staff son mulleres, a presenza queer é relevante en cada edición e habitualmente teñen espazo todas as linguas da Península Ibérica, desde o galego até o catalán, portugués, euskera ou castelán.

Recentemente o festival foi sinalado pola Fundación Contemporánea, no seu informe anual ‘Lo mejor de la cultura 2022’ como proxecto cultural exemplar polo seu compromiso e contribución cos ODS (Obxectivos de Desenvolvemento Sostible), sendo a única iniciativa galega que forma parte desta clasificación estatal.