CAMELIAS MASCOTAS

A Orquestra Vigo 430 rexurde esta primavera con tres concertos

Seis meses despois do parón provocado pola situación sanitaria, a Orquestra Vigo 430 está de volta. Na mañá deste xoves, a orquestra deu a coñecer a programación para o seu Ciclo de Primavera 2021, que contará co patrocinio da Concellería de Cultura do Concello de Vigo e abarcará tres atractivos concertos durante os próximos meses de maio e xuño. Todos eles adaptados ás circunstancias derivadas da situación actual respecto á COVID-19; cumprirán con aforos reducidos e a entrada a todos eles será gratuíta ata completar as prazas dispoñibles. Os ‘amigos da OV430’ terán ademais prioridade na reserva de localidades.

O cartel deste ciclo, con flores agromando dun pequeno talo, simbolizan a paulatina volta a normalidade e a esperanza no sector cultural. A primeira das citas terá lugar na Sala 3 do Museo MARCO, este sábado día 15 ás 20:00 horas. Alí poderase gozar de «Rexurdimento», coa formación de Ensemble da Vigo 430 acompañada da novísima Lir Vaginsky (violín) e a francesa Léa Hennino (viola). O 4 de xuño, a Orquestra Sinfónica Vigo 430, xunto a Marie Chilemme – violista dun dos mellores cuartetos da actualidade, como é o Ébène- e a directora Isabel Rubio, ofrecerá «Tormenta e paixón» no Auditorio Municipal ás 20:00 horas. O ciclo péchase o próximo 13 de xuño, na Sala 3 do Museo MARCO ás 12:00 horas con «Entre Damas e Meigas»; a Orquestra Barroca Vigo 430 estará entón acompañada pola soprano Eugenia Boix -unha das máis destacadas do ámbito barroco- e por Pavel Amilcar (violín e director)

Unha das particularidades deste ciclo é que nos dous primeiros concertos realizarase unha experiencia piloto con institutos. Os programas que forman parte das dúas primeiras citas do Ciclo de Primaveira converteranse en concertos pedagóxicos os días 14 de maio e 4 de xuño no IES República do Uruguai. Contarán ademais cos comentarios ás obras e a contextualización histórica por parte de Rosa del Río, colaboradora da orquestra e profesora de historia no centro. A intención desde a OV430 é que esta experiencia poida ofrecerse canto antes a todos os centros educativos da cidade interesados en participar, para traballar así en en aras da creación e formación do futuro público da música clásica.