A Orquestra Vigo 430 dará 8 concertos en Vigo nesta tempada

Desde hoxe coñecemos todos os recitáis que a Orquestra Vigo 430 ofrecerá nesta nova tempada 2018/19. Un total de 8 concertos, de setembro a xuño do ano que vén, coas diferentes formacións que ten unha das maiores filarmónicas de Galicia, cuxa programación é, según o seu director artístico, a “mellor e máis equilibrada” que fixeron nunca.

Desde este setembro ata xuño de 2019, a Orquestra Vigo 430 ofrecerá 8 concertos en Vigo con diferentes agrupacións e músicos. O primeiro será o 29 de setembro no Auditorio do Concello, onde Ensemble Vigo 430 interpretará a Mozart, Schmitt e Roussell. A seguinte actuación será a da Orquestra Barroca, o 26 de outubro no Auditorio Martín Códax, na que relatarán as “Andainas dun turista musical” baseadas nos textos de Charles Burney por Italia no século XVIII. Escoitaremos obras de Rameau, Sammartini, Vivaldi, Tartini, Mozart, Corelly e Händel, e a narración correrá a cargo de Iolanda Zúñiga.

O 14 de decembro terá lugar o concerto máis especial ou, polo menos, o máis innovador, xa que a Orquestra Sonfónica Vigo 430 interpretará no Teatro García Barbón, xunto coa pianista turca Aysedeniz Gökcin, temas de bandas como Queen, Pink Floyd, Muse ou Coldplay mesturándoos con clásicos de Mozart. Promete ser un espectáculo único. O cuarto concerto será de novo da Orquestra Barroca, tamén no García Barbón, o 25 de xaneiro, no que interpretarán a Vivaldi, Leonardo Leo e Stradella, con Bruno Díaz como director.

O 9 de marzo, no Auditorio Martín Códax, será o turno da Orquestra Xove Vigo 430, onde cobrará especial protagonismo a clarinetista Andrea Álvarez. Ese día poderemos escoitar obras de Weber e Schubert. O sexto concerto será o da Orquestra Sinfónica no García Barbón, o 4 de abril, onde se interpretará integramente a Sinfonía No1 de W. A. Mozart. O penúltimo concerto correrá a cargo da Ensemble Vigo 430 no Martín Códax o 10 de maio, mentres que para poñer punto final á tempada a Orquestra Sinfónica Vigo 430, dirixida polo director asistente da Los Angeles Philarmonic, o chileno Paolo Bortolameolli, interpretará o 1 de xuño no Teatro García Barbón as partituras de Octavio Vázquez, Edward Elgar e Tchaikovsky.

REVISTA VERAN

Todos os concertos serán ás 20:30, e os prezos oscilarán entre os 4 e os 20 euros, dependendo da función e do tipo de tarifa. Existen abonos para a tempada completa por 59€. Existe unha tarifa reducida a 47€ aplicable a desempregados, estudantes, Carné Xove, maiores de 65 anos, familias numerosas e colectivos asociados. A partir do 1 de setembro estarán dispoñibles as entradas para o primeiro concerto, e a partir do 7 se poderán adquirir os novos abonos para toda a tempada. As entradas individuais estarán á venda o 14 de setembro en adiante.