CAMELIAS MASCOTAS

A nova faciana da muralla do Castro: iluminación, túneles e gradas

Desde hai meses, estase a traballar nunha rehabilitación da muralla da fortaleza do Castro, un dos maiores bens arquitectónicos e históricos da cidade. Estes cambios consistiron na limpeza dos muros e da súa iluminación pola noite, construcción de novas gradas, bancos e escaleiras e eliminación dalgúns elementos como casetas ou postes de electricidade. A maiores, existe unha porta a un dos túneles interiores da edificación, que será visitable no futuro.

Que dúbida cabe de que o Castro é un deses espazos a protexer e agarimar na nosa cidade. A actual fortaleza data do século XVII e formaba parte, xunto co Castelo de San Sebastián e as xa desaparecidas murallas da cidade, dun conglomerado defensivo estratéxico ideado para evitar os ataques dos exércitos de países como Portugal ou Inglaterra. O levantamento desta construcción é, segundo o historiador Antonio Giráldez, un dos grandes fitos da historia de Vigo.

Volvendo ao presente, xa se poden ver os diferentes cambios efectuados tanto nas murallas como nos arredores. Levouse a cabo unha limpeza dos muros e a colocación de numerosas fontes de luz para facer visible a edificación pola noite. Neste proceso procedeuse á tala dalgunhas árbores, decisión que levantou polémica debido á tendencia arboricida do Concello nos últimos anos (Gran Vía, Ronda de Don Bosco…).

REVISTA NOVEMBRO

Sobre isto, Giráldez opina que “todo o que se faga para visibilizar o castelo mellor conservado do século XVII en Galicia paréceme interesante”, comprendendo a controversia pero sinalando que esas árbores tapaban a fortaleza. Neste aspecto, lembra a construcción do restaurante El Castillo no extremo norte da muralla, “un auténtico pegote” que afortunadamente foi derrubado no 2013.

A iluminación non só está presente na muralla, tamén nalgúns dos seus pasadizos, como podemos ver na galería de imaxes de arriba, cortesía da conta de Twitter Vigo Vindeiro (@VigoVindeiro). A través destas fotos tamén podemos ver as novas escaleiras que facilitan a entrada pola porta norte, a eliminación dalgunhas construccións ou postes eléctricos e a entrada aos túneles subterráneaos, que están a ser rehabilitados para acoller visitas no futuro. Polo que se coñece, estes pasos de 1,70m de altura e metro e medio de anchura unen a fortaleza con diferentes puntos da cidade, como o Castelo de San Sebastián (actual sede do Concello).

Xunto coa iluminación, o cambio máis notorio é a colocación dunhas gradas de formigón na cara máis septentrional do forte. No apartado positivo, destacar que é unha zona idónea para gozar das vistas e tumbarse na herba a tomar algo. No negativo, o impacto visual do material utilizado é moi grande, xerando unha gran contraposición coa pedra da muralla. É habitual neste tipo de remodelacións utilizar diferentes materiais para destacar a parte nova da orixinal, pero quizais unha pedra máis similar ao granito dos muros tería sido mellor opción.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.