A música viguesa cólase na final dos Premios Martín Códax
Onte déronse a coñecer os 54 finalistas da 6ª edición dos Premios Martín Códax da Música, entre os que atopamos a artistas da nosa cidade como Wöyza, Son Trío, Su Garrido, a Orquestra Clásica e a Orquestra América. Tamén El Contrabajo Club está nominada como mellor sala galega.
A Asociación Músicas ao Vivo fixo pública a lista dos finalistas da 6ª edición dos Premios Martín Códax da Música nun acto que se celebrou, como cada ano, nas instalacións das Bodegas Martín Códax, en Cambados. Estes premios da música galega recoñecen o bo facer de Vigo neste eido cunha serie de nomes locais entre os posibles gañadores do galardón. Os proxectos finalistas foron escollidos polas socias e socios de Músicas ao Vivo mediante votación online entre un total de 442 proxectos inscritos: 391 grupos, 11 salas, 25 festivais e 15 espazos de comunicación musical.
Na categoría de músicas urbanas destaca a nominación de Wöyza, unha das artistas locais máis recoñecidas, que mestura na súa música sons propios do hip hop ou do soul. Xa no 2014 gañara este galardón na mesma categoría. Outra recoñecida artista local, Su Garrido Pombo, está entre as finalistas da categoría Canción de Autora.
Curiosamente, Su repite nominación na categoría de clasica/contemporánea, neste caso co seu grupo Son Trío, que forma xunto con Katerina Linke e Susana Blanco. Nesta categoría competirá contra a Orquestra Clásica de Vigo, nominada pola súa colaboración co cuarteto galego-uruguaio Tangata. Outra orquestra viguesa nominada é a América, aínda que neste caso na categoría de Música de Verbena.
A nominación máis emotiva é a de El Contrabajo Club, xa que fai unha semana o seu dono Rafa Chao anunciaba que cesaba a súa actividade despois de seis anos. Un xusto recoñecemento a unha labor incansable semana tras semana que poñerá punto, esperemos que e seguido, o próximo mes de xuño.
Finalmente, atopamos nominados que, sen ser vigueses, están moi ligados á nosa cidade, como é o caso de Pablo Castaño e Xacobe Martínez, ambos moi presentes nas jams e nos concertos de locais como La Casa de Arriba e o xa mencionado Contrabajo. Tamén o dúo BALA, que forman parte do colectivo de músicos vigués-pontevedrés Metamovida.
Outras bandas galegas, consolidadas ou incipientes, que atopamos na listaxe son a Familia Caamagno, Vudú, Espiño, Mad Martin Trío, Oh Ayatollah!, Rebeliom do Inframundo, Baiuca ou Nao.
Agora será un xurado, integrado por profesionais da música nos ámbitos da interpretación, a industria, a formación, as salas e a comunicación, o que decidirá os proxectos premiados en cada unha das categorías.
Os proxectos premiados coñeceranse o 8 de maio no transcurso da Gala de Entrega de Premios que terá lugar un ano mais no Pazo da Cultura de Pontevedra.