ASNEVES
REVISTA MAIO

Rafa Chao (El Contrabajo Club): “Na vida hai prioridades, e o meu fillo está por diante de todo”

O pasado domingo 14 de abril, a través da conta de Facebook de El Contrabajo Club, Rafa Chao sorprendía a todo o mundo anunciando que o próximo mes de xuño o mítico local de Casablanca daría a súa “nota final”. Falamos con Rafa, que a pesar do triste da noticia, móstrase optimista e orgulloso da súa labor ao longo destes seis últimos anos, nos cales programou e sonorizou 847 concertos. Case nada. Despedirase da sala o venres 31 de maio e o sábado 1 de xuño, cun concerto sorpresa.

Rafa Chao posa na porta do local, repleto de carteis de concertos pasados | Pablo V.

Despois de case 850 concertos, imaxino que será imposible quedarse só con un, pero hai algún que lembres con especial felicidade?

É complicado. Cada noite é diferente, con mil anécdotas… Diríache concertos de Miguel Lamas, Pepe Bao, Sumrrá, Frankie Chávez, as jams de reggae dos Elephants Yard… sempre que hai calidade dá igual o estilo. Aínda que soe a tópico, todas as bandas que se subiron a este escenario teñen o meu respecto e o meu recoñecemento. Se os programei é porque na miña humilde opinión pensei que serían bos concertos.

Falando de estilos, esta sala albergounos de todo tipo. En que te baseas á hora de programar un concerto?

Se queres que a sala teña personalidade tes que traer o que a ti te guste, porque desa forma o transmites ao público. Se non te gusta o que está sobre o escenario, mala cousa. Os meus gustos eran o rock n roll, o blues, o jazz… despois o negocio lévate a outros estilos segundo a demanda e a resposta da xente. Comecei co reggae grazas a Pablo Cameselle e a cousa funcionou súper ben. Despois chegaron os Elephants Yard, e o que era unha jam mensual pasou a semanal durante case dous anos. Ademais fas un montón de amigos… ter un bar é unha pasada!

Xusto o dis agora que o deixas.

Pois si. O outro día fixen un cálculo, e de cada 100 “me gusta” en Facebook, só 10 os coñecía antes de ter o bar, aos outros 90 non. Iso o multiplicas por 10 e saen unhas 900 persoas que coñecín grazas a El Contrabajo. Ademais moitos deles son amigos de verdade, de ter o seu número de teléfono e ir a tomar algo.

Ao longo destes seis anos verías a moitos artistas locais medrar e evolucionar sobre o teu escenario. Hai algún que te sorprendera especialmente?

Aí si que teño un nome, e é Antonio Tato, un rapaz que comezou aquí e co que sempre tiven moi boa química. É o meu perruqueiro, de feito. Aínda o outro día viu tocar e o bar estaba ata arriba, e cando comezou só estaban no público a súa moza, dous amigos e o seu primo facendo unha colaboración.

Outra das cousas características do local son as jam sessions, tanto de reggae e jazz como vocais, únicas na cidade.

Cando comezas vas probando cousas. Recibes un montón de información de músicos e todo o mundo quere contarche o seu proxecto. Ao principio dislle que si a case todo e vas vendo como funciona cada cousa. Cando probas moito xa sabes o que vai funcionar e o que non. Aquí fixemos jams de reggae, blues, jazz e “abertas”, de rock n roll. Ás veces duraban ata as tantas da mañá. Chegamos a facer jams a escuras, coa luz apagada. É unha pasada, porque o músico está máis solto ao non sentirse observado. É como ter os ollos pechados. Era apagar a luz e todo fluía. Chamábanse Darkness Jam.

Comentabas que ás veces os concertos alongábanse ata moi tarde. Nunca tiveches problemas cos veciños polo barullo?

Por sorte o local está súper ben insonorizado, que diso xa se encargou o anterior dono, Marcos Reinoso. Nunca tivemos ningunha queixa de ningún veciño do edificio. De feito a presidenta da comunidade é moi amiga nosa e sempre baixa a beber unhas cervexas sen alcohol. Como moito, ao saír dun concerto 30 ou 40 persoas á 1:30 da mañá pois algo de barullo si que montan, e ten vido a policía a pedir un pouco de silencio. Nese aspecto teño moita sorte, coa de problemas que hai deste tipo. Que eu entendo aos veciños, hai que intentar buscar un acordo de horarios e volume para levarnos todos ben.

Xestionas ti todo, verdade? Programación de concertos, son…

Teño unha persoa que me bota unha man na barra e outra cos carteis, pero non deixa de ser un local pequeno cuns ingresos limitados. É como un traballo normal de oito horas entre programar, as probas de son, limpar os baños, ir a por cambio, mercar as entradas, papeleos… Este traballo esixe todo o teu tempo, que é o que levo a facer estes últimos seis anos. Quizais aí está a clave da miña saída. Estou desfondado, o din todo. É un cambio de ciclo: teño unha crianza, quero adaptarme aos seus horarios e aos da miña muller e gozar da familia. Quero adiantarme ao que algún día sucedería, que sería o meu fillo decíndome que nunca estou na casa cando ten tempo libre. É unha decisión dura pero doada. Por unha parte deixo unha das miñas grandes paixóns, algo vocacional co que nacín dentro, pero na vida hai prioridades, e o meu fillo vai estar sempre por diante de todo.

Rafa posa orgulloso xunto a un prato de batería asinado por grandes músicos que pasaron polo local, que colgará no seu salón a partir de xuño | Pablo V.

Ademais da sala, tamén tes un grupo. Vas seguir ligado á música?

Si, non é un ata sempre. Seguramente me una ao equipo do Pénjamo en Patos para axudarlles coa programación. Hai cousiñas sondeadas por aí… É unha etapa de transición en busca dun traballo máis “normal”: de luns a venres, con fins de semana libres, vacacións, pagas extra, deixar de ser autónomo…

Lembras algún concerto que quixeses traer si ou si e que finalmente o conseguiras?

Foron uns portugueses, Cityspark. Viñeron no quinto aniversario. O seu representante mandoume uns vídeos e cando os vin quedei alucinado. Hai un dito que di que na música non hai portugués malo. Chameino pensando que pedirían moito e finalmente non foi así e chegamos a un acordo. Neste negocio non podes programar pensando en gañar cartos, tes que facelo co corazón. Cando pensaba en gañar cartos sempre saía un desastre, e cando me guiaba pola intuición e polo meu oído saía ben. Estaba moi nervioso co concerto pero finalmente encheuse a sala e foi un éxito. A xente me preguntaba “como conseguiches traelos aquí?” e eu lles dicía que facendo as cousas de corazón.

E polo contrario, houbo algún artista que quixeras traer e non foi posible?

Falara con Pablo Novoa, porque el sempre tivo moi boa relación con este local. Estivemos a punto de traelo, pero el estaba traballando en Madrid con Buenafuente e lle foi imposible. É unha espina que me queda cravada, porque Pablo é un dos máis grandes para os músicos vigueses.

Cres que en Vigo se valora a música en directo e a labor de xente coma ti?

Nunca o pensei demasiado, pero despois de publicar a noticia e de ler todas as mostras de agarimo da xente si que me sinto apoiado e valorado. O ano pasado nomináronme á Mellor Sala Galega de Música en Directo nos Premios Martín Códax e aí si que botei a vista atrás e sentinme moi orgulloso do feito ata agora.

Cal é a maior dificultade á hora de levar unha sala de concertos?

O primeiro que se me vén á cabeza é aturar ao persoal. Refírome aos que veñen a molestar, claro, a maioría dos que veñen son xente marabillosa. En xeral a xente é bastante respectuosa, pero tamén lle teño chamado á atención aos que están a falar en medio do concerto. Eu sempre lles dicía “cando vas ao cine tamén estás a falar e a pasar de todo?”. Despois de seis anos tamén perdes un pouco de mano esquerda. Cando amas a música amólate que a xente estea a pasar de todo. É unha falta de respecto aos músicos e á sala.

Como ves a escena local?

Vigo sempre tivo moi bois músicos e os sigue a ter. Noutras cidades non hai esta cantidade nin esta calidade. O futuro da música en directo en Vigo está máis que salvagardado.

Xa para rematar, comentabas que tes algunha oferta polo local. Que podemos esperar do futuro de El Contrabajo?

Por sorte nada máis anuncialo en Facebook recibín tres mensaxes de xente interesada. As sensacións son moi boas. O que teño claro é que só llo vou traspasar a alguén que queira continuar cun tema cultural. Dúas persoas coas que falei sobre o tema queren continuar con este tipo de actividades, ademais de teatro, títeres, exposicións… Mola ver que levamos 13 anos facendo música en directo e que parece que vai seguir sendo así.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.