REVISTA ABRIL

Os Premios Martín Códax celebran a música galega

Os Premios Martín Códax da Música funcionan como un elemento de cohesión entre artistas e como unha plataforma para poñer en primeiro plano todo o traballo dun sector creativo e transformador como é o da música. A gala da décima edición dos galardóns celebrouse na noite do mércores 7 de xuño no Pazo da Cultura de Pontevedra con presenza viguesa entre os premiados.

Foto dos premiados e nominados | Premios Martín Códax

A festa das músicas e músicos de Galicia recoñeceu co premio honorífico a Luz Casal e na categoría de Artista Emerxente ao pianista e compositor Sergio de Miguel. Nas quince categorías artísticas dos Martín Códax subiron a recoller premio Arrhythmia, Su Garrido Pombo, Udra, Terrae, Quico Comesaña + Grupo, Ailá, Ton Risco e Marcos Teira, Banda de Música Cultural de Salceda, Moura, Sila Lua, Orquestra La Oca Band, Mario G. Cortizo, David Regueiro Trío Ft. Alexandre Cavaliere, Momboi e Pillaband.

Os Premios Organistrum foron para a Sala Rebullón de Mos, na categoría de Salas, Galiciantunes na categoría de Proxectos de Comunicación, e a Foliada da Fonsagrada, na de Festivais. Unha gala dirixida e presentada polo dúo Vaguedades, que forman os actores Isabel Risco e Fran Rei, que, caracterizados como Rosalía de Castro e Eduardo Pondal, articularon un espectáculo ao redor do viño que se puido seguir a través da web dos premios.

Dúo Vaguedades | Premios Martín Códax

Entre as propostas locais destacan os galardóns a Sila Lúa na categoría de Músicas Urbanas;  Sergio de Miguel, pianista e compositor formado en Berklee e radicado en Estados Unidos aos seus 21 anos como Artista Emerxente; Su Garrido Pombo en Canción de Autora e a Sala Rebullón de Mos como mellor sala de Galicia.

O galardón honorífico 2023 foi parar a Luz Casal, unha das voces máis valoradas neste século na escena europea, e que subiu ao escenario a recollelo como colofón á gala. Recibiuno da man de Sheila Patricia, presidenta de Músicas ao Vivo, e de Xoán Antonio Allegue López, presidente das Bodegas Martín Códax. A directiva de Músicas ao Vivo quixo recoñecer “a riqueza, delicadeza e inconformismo como intérprete e compositora” que caracterizan a traxectoria da artista nacida en Andabao, Boimorto, en 1958. 

Luz Casal | Premios Martín Códax

PLAMARÉS

Metal e heavy: Arrhythmia

Canción de autor/a: Su Garrido Pombo

Blues, Funk e Soul: Udra

Electrónica: Terrae

Folk: Quico Comesaña + Grupo

Música Tradicional: Ailá

Músicas do Mundo e Mestizaxe: Ton Risco e Marcos Teira

Bandas de Música Popular: Banda de Música Cultural de Salceda

Rock e punk: Moura

Músicas urbanas: Sila Lua

Orquestras, Grupos e Música de Verbena: Orquestra La Oca Band

Música Clásica e Contemporánea: Mario G. Cortizo

Jazz e Músicas Improvisadas: David Regueiro Trio Ft. Alexandre Cavaliere

Pop e indie: Momboi

Música Infantil: Pillaband

Artista Emerxente:

Sergio de Miguel

Premios Organistrum:

Salas: Sala Rebullón

REVISTA ABRIL

Proxectos de Comunicación e Difusión: Galiciantunes

Festivais: Foliada da Fonsagrada

Honorífico 2023: Luz Casal