CAMELIAS MASCOTAS

A festa continúa en Bouzas coa Brincadeira

Unha semana despois da Reconquista chega a Brincadeira, a festa de época do barrio vigués de Bouzas na que os seus veciños e veciñas celebran a expulsión napoleónica como propia. Terá lugar este domingo 7 a partir das 10:30 da mañá.

REVISTA NOVEMBRO

Se es dos que goza como un cativo nas festas de época, estás de noraboa, porque tras o remate da Reconquista chega a Brincadeira, a particular celebración deste feito histórico no barrio de Bouzas. Tanto a alameda Suárez Llanos como as rúas do barrio histórico encheranse de postos de comida e artesanía así como representacións dos gremios da época. Tampouco faltará a música, xa que ás 20:00 actuarán Os Coribantes de Buchabade para clausurar a festa.

O presidente da Asociación de Veciños de Bouzas, Jose Manuel Vidal Sangabriel, explicounos a orixe da festa: “A importancia dos veciños de Bouzas na Reconquista está constatada pola valentía dos veciños que formaron unha milicia, que desde o seu atrio vixiaba a entrada de calquera galeón e notificábano ao alcalde Vázquez Varela e á cidade de Vigo. Despois da expulsión das tropas napoléonicas celebrouse, no que hoxe é a praza de Urzáiz, unha festa na que colaboraron tanto a xente do mar como os campesinos da Vila de Bouzas, á cal chamaron Festa da Brincadeira”.

Se a climatoloxía finalmente o permite, a Brincadeira é unha oportunidade fantástica para gozar dun bo choripán ou dunha cunca de viño ao pé do mar nun dos barrios con máis encanto da cidade.