REVISTA MARZO

O festival Sinsal continúa en setembro o seu idilio coa ría

O ciclo de concertos Sinsal Museo do Mar celébrase a fin de semana do 7 e o 8 de setembro no museo. O director do Sinsal sinalou que a iniciativa, que celebra a súa segunda edición, continúa a liña de ofrecer artistas pouco coñecidos en escenarios singulares da ría, como fan cada verán na súa consolidada cita da Illa de San Simón.

Imaxe da edición pasada do Sinsal no Museo do Mar. | Festival Sinsal

Baixo o lema ‘Dos días. Historia. Transmisión. Mar‘ o Sinsal volve celebrar a súa edición de fin de verán no Museo do Mar de Vigo. A programación toma o testigo dos Solpores celebrados durante o verán no museo, que busca diversificar a súa oferta alén das actividades expositivas.

O festival propón catro espazos no interior e exterior do Museo do Mar pensados para que a xente de Vigo e foráneos coñezan mellor este enclave privilexiado ligado ao patrimonio marítimo e agora tamén ás artes. A entrada terá un custo de 25€ o sábado, mentres que o acceso o domingo será gratuíto.

Banner A Movidiña

As actividades comezarán o sábado 7 nun escenario situado no peirao do faro. Ás 19h coa actuación de Mary Lattimore, artista que mestura a técnica clásica coa experimentación contemporánea e sás 22h con Rocío Márquez, voz destacada do flamenco actual. Entre ambas, ás 20h, na nave de subastas, poderemos ver unha performance de 30 minutos, resultado da colaboración entre o Sinsal e a Escola de arte drámatico, seguida da actuación dos alumnos da Escola superior de música.

Tamén funcionará de xeito simultáneo o escenario SON Estrella Galicia, situado no interior do museo, no que actuarán os artistas Iko Cuyagua, Y La Bamba e Lady Lykez entre as 20h e a 1:30h. E o escenario situado na praia, no que a cantante Faia, integrante de De vacas, presentará o seu novo traballo en solitario, Ao cabo leirín, un interesante experimento sonoro que combina as letras das cancións das nosas avoas co son ambiantes de distintas paisaxes galegas.

Os nenos serán os protagonistas da xornada do domingo 8, na que as actividades se desenvolverán durante a mañá e incluirán obradoiros de arte e fotografía, así como a visita guiada ao museo. Pecharán a programación os concertos de Mundo Prestigio e Viqueira, a partir das 13h.

(GMT+01:00) Museo do Mar