CAMELIAS MASCOTAS

‘A chispa das nosas vidas’ por Eduardo Rolland

Antes da «chispa da vida», a banda sonora de Vigo foi a de La Pitusa. Pregoábana os altofalantes daqueles vellos camións comidos pola ferruxe: «A mellor gasosa, a máis divertida, lixeira e gustosa». E recitaban as súas variedades: «Branca, laranxa, limón e cola». A publicidade da época era así: con megafonía en camións, tamén para apañar cartóns ou colchóns de la. La  Pitusa era aquela nena de coletas que foi a nosa Pippi Mediaslongas particular. E que marcou unha época, moito antes do imperio da Coca-Cola.

REVISTA NOVEMBRO

            Cando apareceu, xa existían aquí outras marcas históricas, como Revoltosa, Mimosa, Franco, Estévez ou Arca; esta última pertencente á familia dun histórico concelleiro. Era unha época na que, en Galicia, Feijoo só era unha marca de gasosas. En realidade, La Pitusa foi a posmodernidade das gurgullas, porque a vendían embotelladores de toda España para aforrar custos. En Vigo, asumiu a franquía en 1956 o industrial Constante Barreiro González, na rúa de Tomás A. Alonso, 142. Tamén  vendía a marca Madreselva e os seus sifóns Barreiro. Ademais, fixo etiqueta propia co lema «La Pitusa-Vigo», que aínda se conserva nas vellas botellas de coleccionista. Aquela Pitusa foi o derradeiro alento dun sector que agromara en Galicia a finais do século  XIX. A primeira embotelladora apareceu en Santiago en 1874. Pola súa banda, Vigo xa contaba con media ducia de marcas antes de entrar no século  XX. O invento estendeuse a gran velocidade e foi un fenómeno de masas. O seu éxito, en boa parte, tivo que ver menos co gusto que coa saúde. Porque se consideraba que a gasosa era unha bebida sa, nunha época na que aínda había regulares epidemias provocadas pola contaminación das fontes públicas. Hai que lembrar que, hai pouco máis dun século, no verán de 1914, morreron 994 veciños en Vigo por un brote de tifo.

            A gasosa triunfou tamén polo seu orixinal sistema de distribución, ao principio en carros e burros, pero máis tarde con camións, sendo un dos primeiros sectores en utilizalos en Galicia. Ademais, a botella reutilizable foi todo un achado que ademais fidelizaba os clientes. Ao devolvela, dábanche uns céntimos. Xa lle gustaría a Greta  Thunberg que hoxe tivésemos un sistema tan sustentable para consumir refrescos. Pero, sobre todo, non esquecemos aquela publicidade e aquela imaxe de marca. Aquela bebida «lixeira e gustosa» que foi a chispa das nosas vidas.

Por Eduardo Rolland
Xornalista

[Este artigo está publicado na revista A Movida de febreiro de 2020. Podes consultala na versión dixital ou facerte con ela de formar gratuíta nos nosos puntos de distribución. Se queres aproiar o noso proxecto e comezar a recibila na túa casa faite #AMOVIDALOVER ]