‘Matrias illadas’, unha viaxe poética da man das nosas ancestras
A poeta Tamara Andrés e a artista visual Neves Seara inauguran a exposición Matrias Illadas, unha serie de instantáneas que representan ás ancestras das astistas (e ás de todos nós) a través de imaxes evocadoras, versos, obxectos cotiás e lugares representativos. A mostra estará instalada no Museo do Mar ata o 24 de novembro.
Andrés e Seara contaron con pouco máis de tres meses para dar forma a Matrias Illadas, pero isto non supuxo un problema pois o proxecto xa existía antes de ser materializado en imaxes. Explican que xurdiu de xeito natural “tomando café fomos dándonos conta de que nos interesan os mesmo temas e que temos unha sensibilidade artística semellante” e falando das súas matrias os versos e as fotos xurdiron case ao mesmo tempo, ás veces as palabras antes que as imaxes, e viceversa. O resultado é unha mostra de fotografías e poemas
A exposición está organizada para ser percorrida de menos a máis luz, entendéndose a escuridade como o grao de misterio e pechamento que garda cada historia que contan. O misterio é para Tamara un dos temas comúns cando fala das súas ancestras, pois confesa que ela coñece moitas das historias vitais das mulleres da súa familia a través da boca doutras persoas. “As avoas non falan das súas vidas porque cren que non merecen a pena”, resume apenada. Precisamente para desmentir esta tradición, Andrés e Seara desenterran da memoria familiar e social moitas outras. Fano poñéndose na pel desas mulleres e fotografándose a elas mesmas na vila onde habitaron, cargadas de simboloxía: está o pan, o loureiro e o xabón, están as mulleres co pano na cabeza, as meigas, as beguinas, o fume purificador, a fariña…
Alunhas destas matrias nacen dos recordos máis instintivos, como os cheiros ou os sabores; outras dos anacos cazados en conversas e das súas interpretacións traspasadas de xeración en xeración e outras, como a serie que pecha a exposición, da reinterpretación de lendas populares, para as que as artistas crean un final alternativo e liberador. Todas elas homenaxean á nosa cultura máis esencial dun xeito poético.
A exposición conta cun catálogo no que atoparemos máis fotografías das expostas e unhas postais que as visitantes poden coller e enviar, “para que as matrias viaxen, cheguen lonxe e se liberen”.
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- Extraescolares a calquera idade - 29 Agosto, 2024
- The Wild Fest, TerraCeo, Meu Fest e festas en Zamáns para pechar o mes de agosto - 28 Agosto, 2024
- Volve The Wild Cinema, o festival internacional de cine e ecoloxía de Vigo - 23 Agosto, 2024
- Os vigueses elixen a mellor hamburguesa de España a partir do xoves 22 - 19 Agosto, 2024
- Percorremos os oito novos murais de Vigo Cidade de Cor 2024 - 14 Agosto, 2024