VIALIA
bannerPicnicSesions

‘O ‘viguismo’ de Eduardo Chao’ por Xurxo Martínez

REVISTA ABRIL

Ao falar de viguismo xorden no maxín distintas imaxes. A miña ten o rostro de Eduardo Chao. Que saberá da extraordinaria actividade a prol da nosa urbe atlántica, este lugar onde brillan os pés do vento, a cidade de pulso metalúrxico? Recoñezo que pra min Chao foi nome familiar. Nesa rúa do Casco Vello naceu o meu pai, quen se formou en primeiras letras nas escolas Chao, hoxe desaparecidas. O maxisterio deste persoeiro é amplo. Dende anos mozos, con mente e corazón revolucionarios (persistentes no tempo da vellez), tivo por bandeira o progreso material e intelectual do pobo e, en particular, de Vigo.

O pai é José María Chao, boticario da rúa Sombreireiros, célebre polo seu combate liberal deica fabricar a carta-bomba contra o xeneral Eguía, que don Ramón Otero Pedrayo incluíu n’Os camiños da vida. Disque o morteiro co que fixo a apócema subversiva é a conservada na Fundación Penzol. Eduardo puxo no binóculo, que brillaba en rostro enxoito, o nome de Vigo. A faceta de dirixente político combinouna cun bo facer ilustrado: ciencia, literatura, economía… Todo o acervo do saber colocouno ao servizo de nós. A chegada do tren, os inicios da prensa (La Oliva-El Miño), o porto comercial, o asociacionismo recreativo-cultural, os parladoiros públicos e privados, a industria marítima, a biblioteca, a formación das clases populares, o Banco de Vigo, a estación meteorolóxica… Nos primeiros pasos de todo isto aparece o nome de Chao, sempre brillante como sol canicular. Como proba, lean Necesidades del porvenir de Vigo (1881). A Escola de Artes e Oficios é produto de Chao. O promotor, redactor dos estatutos, a filosofía krausista que infundía a escola, o discurso fundaciona… é Chao. Alégranos que Rafael Ojea (director da EMAO) resituara hai uns meses o busto deste ilustre home no hall de entrada, lugar no cal lembrar tamaña xenerosidade e sexa referencia de bondadosa conduta.Chao, republicano de primeira hora e progresista de acción, é un referente ético para Vigo. Cunha folla de servizo coma esta, é condenable o esquecemento no que caeu. É certo, a Federación de Asociacións Veciñais leva o seu nome pro precisamos reivindicalo coma símbolo do viguismo. Lembren que foi Chao quen estivo detrás da saída do primeiro libro de Rosalía (La flor), en Madrid. E que a única biografía completa sobre Chao a asinou Curros Enríquez. Velaquí dous nomes centrais do noso país e cultura. Dous nomes que agradeceron o traballo feito por Chao. Fagamos coma eles.

Por Xurxo Martínez González
Escritor e investigador

[Este artigo está publicado na revista A movida de xaneiro do 2020. Se queres aproiar o noso proxecto e comezar a recibila na túa casa faite #AMOVIDALOVER ]