A carreira Vigo Contra el Cáncer celebra o seu 10º aniversario
A popular carreira Vigo Contra el Cáncer celebra a súa décima edición o 15 de outubro no barrio de Coia. Haberá dúas modalidades (5 e 10 quilómetros) e as inscricións xa están abertas tanto en El Corte Inglés como na web da proba. Os cartos recadados irán destinados a un proxecto de investigación que busca predecir a recaída tumoral en pacientes con cancro de páncreas e vías biliais.
O próximo 15 de outubro, as rúas de Coia volverán tinguirse de azul contra o cancro. Será a X edición dunha carreira que, desde o pasado 2013, acumula máis de 200.000 euros doados á investigación contra o cancro. Neste 2023, o 90% dos fondos recadados destinaranse ao proxecto LIQUID PANCREAS, que ten como obxectivo predicir, mediante a biopsia líquida, a recaída tumoral en pacientes de cancro de páncreas e vías biliares que xa foron tratados mediante técnicas cirúrxicas. O outro 10% dos beneficios destinarase a realizar actividades cos nenos de Oncoloxía do Hospital Álvaro Cunqueiro.
Xa é posible inscribirse na carreira. Como sempre, esta desenvolverase nas súas dúas modalidades habituais; 5 km -non competitiva, pódese facer andando- e 10 km, unha proba cronometrada e con premios, incluída no programa municipal de carreiras populares RUN RUN VIGO. Nas últimas edicións, a carreira alcanzou a cifra máxima de 5000 rexistrados, e o obxectivo é volver logralo no presente 2023. O prazo para inscribirse na proba finalizará o próximo 6 de outubro (aínda que pode pecharse antes en caso de alcanzar o número máximo de 5000 participantes). A inscrición pode formalizarse no quinto andar de El Corte Inglés ou na web da organización.
Percorrido
En canto ao percorrido, a saída será desde a Avenida de Castelao, concretamente desde a zona de La Explanada, onde se celebran habitualmente as Festas de Coia. O percorrido completará a Avenida de Castelao, e ao final da mesma, a carreira continuará en liña recta cara á Avenida de Europa. Avanzará aproximadamente ata a Fundación Sales, onde fará un cambio de sentido para volver; continuará en dirección Praza América ata o túnel, e regresará á La Explanada, á altura do punto de partida na Avda Castelao. Os participantes na carreira de 5km finalizarán así o percorrido, e aos corredores da proba de 10 km, puntuable para o circuíto RUN RUN Vigo, quedará por diante unha segunda volta ao mesmo circuíto. Como cada ano, levará a cabo tamén unha proba adaptada; a saída da mesma terá lugar ás 9:45 horas. Despois estableceranse dúas saídas máis, primeiro os corredores de 10km ás 10:00h, e despois os de 5km ás 10:45h.
Dorsais e actividades
Os dorsais poderán recollerse o sábado día 14 (en horario de 10:00 a 21:00 horas, en El Corte Inglés) ou o propio domingo día 15 na Explanada de Coia, (de 08:00 a 09:30 horas no caso dos corredores de 10km, e de 08:00 a 09:45 horas para aqueles participantes na proba de 5km). Nesta novena edición tamén estará dispoñible o servizo de gardarroupa, os corredores poderán deixar as súas pertenzas no mesmo ata media hora antes da saída da súa proba. Os participantes e os seus acompañantes tamén poderán participar en diversas actividades que completarán a xornada.
Proxecto LIQUID PANCREAS
O cancro de páncreas é un dos tumores máis letais pola súa agresividade. En España, diagnostícanse ao ano uns 9200 casos. Tan só un 20% dos tumores de páncreas atópanse en estadio curable ao diagnóstico. Nese 20%, aínda realizando cirurxías óptimas e tratamentos quimioterápicos estándar, ata un 80% volven recaer. Pola súa banda, os tumores de vías biliares representan o 3% dos tumores dixestivos, cun aumento sostido da súa frecuencia nas últimas décadas.
A biopsia líquida é unha técnica que, baseándose na detección de material xenético tumoral en sangue, está revolucionado o diagnóstico e tratamento do cancro. A biopsia líquida pode empregarse para detectar ADN tumoral circulante -é dicir, o ADN que as células tumorais liberan ao torrente sanguíneo-, e permite caracterizar ao tumor dunha forma non invasiva. O proxecto LIQUID PANCREAS ten como obxectivo predicir, mediante a biopsia líquida, a recaída tumoral en pacientes que xa foron tratados mediante técnicas cirúrxicas.
O equipo formado polos Dres. Alberto Garrido Fernández, María Elena Gallardo Martín e Mónica Martínez Fernández, expón o estudo de empregar a biopsia líquida durante o seguimento dos pacientes con cancro de páncreas e vías biliares resecados -é dicir, aqueles que se operaron conseguindo eliminar toda a enfermidade visible ou detectable por métodos convencionais- e determinar o seu potencial para predicir a recaída tumoral e así poder adiantarse cun novo tratamento.