VIALIA
bannerPicnicSesions

A carreira Vigo Contra el Cáncer adáptase á nova normalidade

Como vén sendo habitual este ano, as probas deportivas están a adaptar os seus eventos ao formato en liña. Neste caso, a carreira Vigo Contra el Cáncer propón convertir o domingo 20 de decembro nunha xornada deportiva, á que todo o mundo poderá sumarse realizando calquera deporte e compartíndoo en redes usando o hashtag #YoSoyVigoContraElCancer.

Debido á emerxencia sanitaria na que nos atopamos desde o pasado mes de marzo, resultou imposible que Vigo Contra el Cáncer celebrase, o pasado mes de outubro, a súa habitual carreira popular polas rúas de Coia. Pero o cancro non se detén debido á pandemia, polo que axudar neste aspecto segue sendo tan necesario como sempre, ou máis. É por iso que desde a Asociación non poden permitirse un ano en brancotomando a decisión de celebrar a VIII edición dunha forma un tanto diferente.

REVISTA ABRIL

O “evento” non precisa inscrición previa nin achega monetaria, a pesar de que na súa web teñen habilitada a opción de recibir donacións de calquera cantidade. Igual que o ano pasado, o 90% do recadado ira destinado ao Proxecto OCTOPUS, cuxo obxectivo é determinar o mellor tratamento posible para cada paciente diagnosticado de cancro de pulmón avanzado en base ás súas características xenéticas usando unha simple mostra de sangue. O restante 10% será para actividades para crianzas na pranta oncolóxica do Hospital Álvaro Cunqueiro.

A actividade proposta para o domingo 20 de decembro é, simplemente, facer deporte. De calquera tipo: saír a correr, a nadar, a xogar ao pádel, facer exercicio na casa… Por suposto, respectando todas as medidas sanitarias. Non se trata dunha competición, polo que o único obxectivo é fomentar a vida saudable e dárlle voz ao proxecto a través do hashtag #YoSoyVigoContraElCancer. Subindo unha fotografía ás redes sociais con esta mensaxe axudará a difundir o evento e a concienciar a máis persoas para que se unan á causa.

O ano pasado o Proxecto OCTOPUS recibiu unha donación de case 40.000€ grazas á carreira solidaria, na que se reuniron unhas 8000 persoas. Desde a súa fundación en 2013, Vigo Contra el Cáncer doou máis de150.000€a diversos proxectos de investigación con implicación local, ademais da xa mentada axuda aos nenos e nenas de Oncoloxía do Álvaro Cunqueiro.