VEGANA

Abertas as inscricións para participar na carreira solidaria Vigo Contra el Cáncer

Xa é posible inscribirse na carreira Vigo Contra el Cáncer que se celebra o 20 de outubro en Coia e que destinará o diñeiro recadado á investigación contra o cancro de pescozo uterino.

Participantes na pasada edición da carreira Vigo Contra el Cáncer | Fran Alegre

O próximo 20 de outubro, as rúas de Coia volverán tinguirse de azul contra o cancro coa celebración da XI edición da carreira Vigo Contra el Cáncer. As inscricións xa están abertas para todas as modalidades: a carreira competitiva de 10 km que puntúa para o circuito Vigo Run Run, a modalidade non competitiva de 5 km que se pode facer correndo ou camiñando e o dorsal 0 para aquelas persoas que non poidan participar o día do evento pero queiran apoiar esta causa solidaria. A inscrición pode realizarse en liña a través da páxina web vigocontraelcancer.com ou de maneira presencial, na planta de deportes do Corte Inglés. Nas últimas edicións, a carreira Vigo Contra el Cáncer rozou a cifra de 5.000 participantes, e o obxectivo é volver logralo no presente 2024. O prazo para inscribirse na proba finaliza o próximo 13 de outubro, aínda que pode pecharse antes en caso de alcanzar o número máximo de participantes.

O percorrido desta proba deportiva é o mesmo que o das últimas edicións, con saída desde a explanada onde se celebran as festas de Coia e itinerario pola Avenida Castelao e Avenida de Europa ata a altura da Fundación Sales onde se realiza un cambio de sentido para volver polo mesmo traxecto ata a praza de América. Os corredores inscritos na proba de 10 km deben dar dúas voltas ao circuito. Como cada ano, levarase a cabo unha proba adaptada con saída deste mesmo lugar ás 9:45 horas. Despois sairán os corredores de 10 km ás 10:00 h, e por último os de 5 km ás 10:45 h.

REVISTA OUTUBRO

A Asociación Vigo Contra o Cancro financiará por primeira vez un estudo de cancro de cérvix ou pescozo uterino; o cuarto cancro máis común nas mulleres. Trátase dun tipo de tumor cuxa causa fundamental é a infección por algún dos virus oncogénicos da familia do virus do papiloma humano (VPH). O 90% do diñeiro recadado irá destinado ao proxecto GALICÉRVIX, que ten como obxectivo atopar biomarcadores que permitan avaliar a correlación entre a evolución do virus do papiloma humano (VPH) e o prognóstico das pacientes con cancro de pescozo uterino. Isto permitiría mellorar a resposta, o seguimento e o tratamento deste cancro. O 10% do diñeiro restante destínase ao desenvolvemento de diversas actividades coas nenas e os nenos de Oncoloxía do Hospital Álvaro Cunqueiro. Ata a data, a Asociación Vigo Contra o Cancro, grazas á colaboración de participantes, voluntarios, empresas privadas e institucións, logrou doar a investigación contra o cancro un total de 241.512,89 euros.