REVISTA MARZO

A Carreira Solidaria de Entreculturas celebra seu 10º aniversario correndo en formato virtual

Queiramos ou non, as carreiras virtuais chegaron para quedarse. Un novo exemplo é a Carreira Solidaria de Entreculturas, que celebrará unha década os días 20 e 21 de febreiro. A proba ten como obxectivo atender a emerxencia educativa que a COVID19 está a xerar en moitos puntos do noso planeta, e as inscricións xa están abertas. Será posible participar desde 15 países.

Banner A Movidiña

“Corre por unha Causa” é a Carreira Solidaria de Entreculturas. Celébrase cada ano en máis dunha decena de cidades de España e ten como obxectivo recadar fondos para destinalos aos seus proxectos de cooperación. Este 2021 celebran o seu X aniversario: máis de 10 anos correndo polo dereito á educación, especialmente, dos colectivos máis desfavorecidos e vulnerables. Esta edición celebrarase de forma virtual durante os días 20 e 21 de febreiro. A convocatoria está aberta a todas as persoas, independentemente do lugar no que vivan. Os fondos recadados destinaranse a proxectos de educación en emerxencia en países de África e América Latina.

As inscricións poden realizarse na web www.correporunacausa.org onde tamén ofrecen a posibilidade de sumarse cun dorsal solidario. Os participantes poden escoller entre correr 10 ou 5 quilómetros; andar 3 km ou montar en bicicleta 20 km; e para os nenos e nenas, existen as modalidades de 1 km, 500 m, 300 m e 100m. A inscrición pode realizarse ata o día 19 de febreiro. Todos os inscritos recibirán por email un dorsal que poderán descargar e imprimir para utilizar o día do evento. Desde a organización animan a utilizalo, sacar unha foto e subila a redes co hashtag #10porlaEducación. Como novidade por ser o décimo aniversario da carreira, estrean páxina web, app para cronometrar o tempo e unha camiseta especial.

A idea da carreira solidaria naceu hai dez anos co obxectivo de seguir sumando alianzas e a participación de máis persoas a través do deporte. “O evento funcionou moi ben desde a primeira edición”, cóntanos Esperanza Vivanco, responsable de RSC de Entreculturas, “e, cada ano, fóronse sumando aos poucos máis delegacións, empresas, corredores, colaboradores e medios de comunicación, ata a X edición que celebramos este ano 2021 en formato virtual”.