A cara B do exitoso himno do centenario do Celta: “É un traballo serio, non unha carallada”
O novo himno do centenario do Celta, composto por C. Tangana, vén de superar o millón de visualizacións en YouTube e xa pasa das 600.000 reproduccións en Spotify en menos dunha semana. A maiores dos seus múltiples autores, diferentes artistas e profesionais galegos participaron na súa elaboración. Estes son tres deles: o escritor Pedro Feijoo, o músico Rodrigo Romaní e a actriz Marta Larralde.
Menos dunha semana pasou entre as bágoas de C. Tangana sobre o escenario do Teatro Afundación e o máis dun millón de visitas en YouTube do himno que aquel día se presentaba, ‘Oliveira dos cen anos’. A opinión, sen ser unánime, si é maioritaria: o traballo de Pucho, feito con agarimo e respecto, xa forma parte da centenaria historia celeste. Leonor Watling, Jorge Drexler, Rayden, Mamen Mendizabal, Antonio Maestre, Carme Chaparro… profesionais de todos os ámbitos, e mesmo alleos ao Celta, mostraban a súa admiración pola canción e o vídeo argallados por El Madrileño.
Esta obra coral conta coa participación de Alizzz, Arce e pablopablo á produción e As Lagharteiras, Coral Casablanca e Sime de Keltoi! ás voces. A maiores desta cara visible, existe unha cara B onde outros moitos profesionais participaron na elaboracións destas dúas obras, canción e vídeo.
Letra
Un deles é o escritor vigués e recente gañador do Premio Xerais de novela Pedro Feijoo, quen se encargou da parte de documentación e investigación arredor da simboloxía tradicional e popular galega. A presenza das ondas do mar de Vigo e da oliveira nos versos do himno son, en gran parte, responsabilidade súa. Os coñecementos musicais de Feijoo — lembremos, produtor en Muu! Estudios e músico en bandas como Lamatumbá, Los Feliz e KGBen— fixeron que a súa man sexa recoñecible no produto final, no que se involucrou ao longo de varios meses. Este traballo sobre as cantigas tradicionais foi despois perfeccionado por outro Feijoó, igual de polifacético e amante da música: Xisco Feijoó.
Música
Rodrigo Romaní foi fundador de Milladoiro, director durante máis de dúas décadas da orquestra SonDeSeu e actual director da Escola Municipal de Vigo de Música Folk e Tradicional (ETRAD). Tamén é outro dos artistas que participaron na xestación deste novo tema. O primeiro contacto que tivo con Antón foi nunha “especie de sesión de coaching“, xa que o propio artista lle confesara que non tiña moita idea sobre música tradicional galega. Acudiu a boas mans, sen dúbida.
“Deume a impresión de que quería facer unha cousa seria e ben traballada”, comenta Romaní, quen non era tampouco moi coñecedor da obra previa do cantante madrileño (“Estou nun sector de poboación que é complicado que sexa fan desa música” apostilou con humor). “Expliqueille as catro cousas básicas da música tradicional galega e servinlle de ponte coa ETRAD e os seus mestres para unha inmersión relampo”, engade. Tamén asesorou en temas de dereitos de autor sobre algúns dos elementos que tiñan pensado utilizar para a elaboración do himno.
O multiinstrumentista noiés, figura indispensable do folk galego, recoñece o talento de C. Tangana e o respecto que mostrou á hora de achegarse aos nosos sons: “Aos artistas moi mediáticos cústalles moito baixarse a aprender cousas novas. Isto fala dun artista de moita altura, serio e honrado“. Rodrigo escacha a rir cando lembra o nome da última xira de Pucho, Sin cantar ni afinar tour: “El dicía que non cantaba pero que era un creador, e si que o demostra. Manexa outras ferramentas que son tamén creativas. O 50% dos músicos profesionais cantan e afinan moi ben pero non son creativos“, lembra.
Despois de tanto traballo, que valoración fai do resultado final? “Paréceme que fixo un moi bo traballo, moi ben fundamentado. É un traballo serio, non é unha carallada“, finaliza, e zanxa a polémica sobre se é ou non cantable: “Non creo que quixese desbancar o himno de toda a vida ou a Rianxeira, senon facer un traballo para conmemorar o centenario do Celta”.
Vídeo
‘Oliveira dos cen anos’ non é o mesmo sen o seu vídeo. Os máis cínicos dirán que nel non sae Vigo, senon Redondela; que é escuro de máis ou que parece un anuncio do Gadis ou da Xunta. A realidade é que está a ser un éxito e a súa acollida entre o celtismo (e mesmo a xente allea ao fútbol) está a ser tremendamente positiva.
Na súa rodaxe participou a actriz Marta Larralde, aínda que neste caso o seu labor estivo detrás das cámaras. Para complementar a súa faceta actoral, esta viguesa con formación en Imaxe e Son participa noutras tarefas máis tecnicas relacionadas co audiovisual. Neste caso o seu posto era de coordinadora de dirección, isto é, valorar as necesidades técnicas de cada día e traballar coa figuración, entre outros labores: “Todos os actores e actrices deberían probar a traballar detrás das cámaras, é moi importante”, comenta.
Larralde admite sentirse “moi sorprendida” do traballo de Pucho como director: “Tiñas as ideas moi claras e sabía como executalas e transmitilas aos actores e actrices”. Tamén ten palabras de agradecemento para todas esas persoas de figuración que aguantaron longas e duras xornadas de rodaxe, ás veces sobre unha batea, outras durante toda a noite á beira do mar. Do “día grande”, o da gravación cos afeccionados celtistas, destaca o bo trato coas Tropas de Breogán, o grupo de seareiros do Celta máis acérrimo: “Son moi simpáticos e moi boa xente, foron un gran descubrimento. Estaban moi comprometidos e organizáronse súper ben”, conclúe.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024