VIALIA
PLAYDOC

Marta Larralde: «A miña carreira de actriz é coma un maratón, de ir manténdose pouquiño a pouco»

[Entrevista publicada na revista de abril de 2019, tras o éxito de Fariña e antes da saída da segunda tempada de Vivir sin permiso]

Enerxía e determinación emanan dos poros de Marta Larralde. A actriz de Coia labrou o camiño a base de traballo e disposición. Cando quere algo, non para ata conseguilo. As súas redes sociais sérvenos como fiestra a unha vida chea de actividade na que demostra que ser nai non é incompatible con facer deporte nin con manter a carreira profesional. Quedamos con ela no centro comercial Gran Vía, antes dunha charla sobre o deporte durante o embarazo.

Entraches no mundo do cine tras das cámaras, como decidiches saltar diante?

Foi por casualidade. Eu estudei Imaxe e Son e unha das prácticas era facer curtametraxes. Esas curtas tiñámolas que facer entre compañeiros e alguén se tiña que poñer como intérprete. Eu empecei a facer de actriz porque me gustaba, algún profesor me dicía que se me daba moi ben. Logo chegou Lena (Gonzalo Tapia, 2001) que se ía gravar aquí. Meu pai viu o anuncio no xornal e animoume a que me presentase.

E colléronte para o papel protagonista.

Que un filme se viñese a rodar aquí era unha grande oportunidade para min, que me quería dedicar ao mundo do audiovisual. Fun ao casting e díxenlles que eu quería estar aínda que fose como auxiliar ou levando cafés. Fixen moitas probas ata que me deron esa personaxe. Gustoume tanto a experiencia, que decidín ir probar sorte a Madrid.

Fálame de Lena.

Cando me escolleron pensei «dios mío, que vou facer eu, se nunca fixen unha película». Pero déronme moita confianza, dixéronme que me relaxase e que o tomase coma un xogo. Lena era unha moza de barrio coma min, con ganas de saír fóra e aprender. Sentinme identificada e foi unha experiencia marabillosa. Sentía de verdade aquelas escenas: choraba de verdade e o corazón acelerábaseme… Deime conta de que me gustaba esta profesión.

Despois de moito tempo en Madrid, volviches hai pouco a Galicia para gravar Fariña. Cóntame como foi a experiencia.

É unha historia que me toca moito como galega en xeral e por onde vivín en  particular, porque me criei no barrio de Coia e vin moitos rapaces amolados pola droga. Nos anos 80 e 90 vin como os veciños botaban os xonquis das rúas, moitas nais sufrindo… Cando souben que ían facer a serie tiña claro que quería estar. Deino todo na proba e escolléronme.

E xusto entón soubeches que estabas embarazada.

Cando me chamou Carlos Sedes, director de Fariña, para dicirme que fora seleccionada non lle dixen nada porque xusto o acababa de saber. Ao colgar o teléfono decateime de que se ía rodar entre maio e xuño, e para entón eu xa ía estar de seis meses e se me ía notar. Chamei a Teresa Fernández-Valdés, produtora de Bambú, ela púxose moi contenta por min e díxome que ían estudar o caso. Foron moi amables, puxéronme a rodar no comezo de todo para que non se notase tanto. Para min foi unha experiencia marabillosa que gardo con moito cariño.

Fariña tivo moitísimo éxito, tanto en Galicia como a nivel estatal, como o viviches?

Durante a rodaxe sabía que estabamos a facer algo bo. Había unha enerxía da hostia. Todos os actores estaban incriblemente ben. Logo, que que se prohibise o libro en que se baseaba a serie, axudou a que a estrea fose unha bomba. Á xente non a decepcionou, porque é unha historia nosa, contada por actores de aquí. Todo moi real.

Polo que se ve nas túas redes sociais e nas entrevistas, decidiches ser nai sen parar a carreira profesional.

No meu caso teño moita sorte porque a miña parella traballa desde a casa, iso axuda moito. Entre os dous criamos o bebé. Eu fíxenme cargo de moito ao principio, sobre todo polo da teta, pero aos tres meses do parto púxenme a facer unha obra de teatro.

E como te apañabas?

Estiven pasando texto co neno na teta. Teño a sorte de que o meu marido só precisa conexión a Internet e teléfono para poder traballar e me podía acompañar. E os compañeiros, felices. Antes de saír á escena deille a teta ao meu fillo.

Tampouco deixaches de facer deporte

Non, o deporte acompañoume sempre. Durante o embarazo fixen moito deporte e despois de dar a luz, pasado o período de corentena, en canto o médico mo permitiu, volvín adestrar. Igual outras persoas prefiren botar unha sesta mentres o bebé dorme. Eu aproveitaba que o meniño durmía para ir correr, pasear ou ir á piscina. Igual sen ter durmido moito, porque cando unha dá a teta dorme moi pouco, pero a min facer deporte dáme moita enerxía

Pero existe a idea de que durante o embarazo non podes facer nada…

Si, existe esa idea preconcibida. Vas andar en bicicleta e cuestiónante por iso, pero estando en boa forma física non ten por que haber perigo. Obviamente tes que tomar as cousas doutro modo, pero creo que moverse e estar activa é positivo.

O ano pasado completaches o medio maratón Vig-Bay puxando polo neno no carriño. Como foi a experiencia?

Foi unha experiencia completamente diferente. Chorei coma unha madalena ao entrar pola meta. Acompañáronme o meu irmán e o meu marido. Foi duro, porque quixen facer a carreira enteira empurrando o carriño. O meu irmán axudoume nunha costa e deixei que o fixese só un anaco, porque o quería facer eu. Foi moi emotivo.

Volverás este ano?

Non me inscribín porque non sei se vou poder estar aquí. O meu irmán apuntouse para correr o maratón. Outros anos sempre corrín con el o medio e, de estar eu aquí, gustaríame acompañalo un cacho no maratón.

Es moi activa tamén en Internet. Parece que a través as redes sociais queres reivindicar que ser mamá non é incompatible coa carreira profesional nin co deporte.

Nas redes sociais escóllese moito o que cadaquén quere amosar da súa vida. Eu intento enfocar as miñas redes sociais a unha vida activa e o que é importante para min: o deporte, o traballo e a familia. Tamén sei que a moita xente lle gusta verme nesa faceta que axuda a moitas mulleres. Por exemplo, unha rapaza díxome que mercara un carriño para correr porque me vira a min. Alégrame que poida servir para algo.

Hai unha intención de naturalizar a maternidade a través das redes? Por exemplo, con fotos como na que se che ve sacando leite mentres regas as plantas que poden resultar chocantes…

Si, ou a foto na que saio dando a teta e me censuraron. O meu neno estivo maliño ao principio e tivemos que estar no hospital, pasámolo moi mal. Esa foto foi tomada cando xa iamos saír e era un momento especial da miña vida que quería compartir. Montouse todo ese lío por unha teta que eu non sabía que ía ser censurada. Eu indigneime cando a censuraron. Reivindiquei o asunto e montouse todo o lío e non era esa a miña intención, pero si que aposto por naturalizar o que é natural.

Ademais, tes moito seguimento.

Hai xente que ten moito máis seguimento ca min porque inviste moito niso. As redes sociais requiren moito tempo. Co neno non me gusta estar co móbil, non quero que me vexa con el. Antes obsesionábame un pouco, pensando demasiado nas fotos, pendente dos likes… sentíame tan presa diso que chegou un punto no que xa non me gustaba. Cóidoas pola miña profesión, máximo hoxe en día, cando descubro de que están entre dúas actrices nun casting e collen a que máis seguidores ten en Instagram.

En que estás a traballar agora?

Estou a facer unha serie para Telecinco que se chama Caronte na que teño un papel pequeno moi bonito. Este verán estiven rodando a segunda temporada de Vivir sin permiso que non sei cando sairá, supoño que axiña.

Non paraches de recibir ofertas.

Eu nunca fun unha actriz de traballar sen parar, pero a verdade é que non me falta o traballo e estou moi contenta por iso. A miña carreira é coma un maratón, vou aí pouquiño a pouco manténdome, non é un sprint.

REVISTA MAIO

A pesar de vivir en Madrid, segues vencellada á nosa cidade vés moito por aquí. Que representa Vigo para ti?

É o meu fogar. Estou moi vinculada a Madrid fago moitas cousas alí, traballo alí… Ao meu home gústalle a idea de vir para aquí e non o descarto. Aquí teño as amigas de toda a vida, a familia… Para min vir aquí é un descanso.

Texto: Tamara Novoa
Fotos: Pablo Vázquez

The following two tabs change content below.
Xornalista por vocación. Marchou a Londres estudar un master en Xornalismo Internacional e tras traballar varios anos en Barcelona nunha Asociación sen ánimo de lucro, decide volver ao seu Vigo natal. Na actualidade é unha das creadoras deste proxecto. O que lle permite desenvolver unha das tarefas polas que sinte maior paixón: contar historias relacionadas coa cultura e a movida da súa ben querida cidade olívica.