O himno militante e subversivo de C. Tangana emociona ao celtismo

Este xoves 7 o Teatro Afundación encheuse de celtismo para presenciar a preestrea do himno do centenario do clube, ‘Oliveira dos cen anos’, composto polo artista madrileño C. Tangana. Polo escenario desfilaron músicos, afeccionados, produtores, xogadores e ata o pai do propio Pucho, que non puido conter as bágoas.

Pucho nun momento da gala | Celta Media

Xa se coñecía o autor, a letra e algúns planos do vídeo. Mesmo se chegou a filtrar un borrador a través de WhatsApp e redes sociais. Pero nada diso lle quitou nin un pouco de emoción á velada que tivo lugar onte no Teatro Afundación. C. Tangana, ou Pucho, ou Puchito, ou Antón, como máis nos guste, saíu a escena con pantalón de traxe e camisa celeste. Visiblemente emocionado advertiu que ao longo da noite caería algunha bágoa, e así foi: “Se se me escapa unha bágoa hoxe é porque para min isto é moi importante, non só polo meu celtismo. Poder honrar o legado do meu pai, que se foi de aquí a Madrid, é moi emocionante para min“, comentou.

A primeiro plantel do Celta con C. Tangana | Celta Media

Soou o himno, Oliveira dos cen anos, primeiro só co audio e máis adiante xunto co impresionante videoclip, unha fermosa peza gravada na ría de Vigo obra da produtora Little Spain. Mesmo se proxectou unha segunda vez, e en todas elas o público respondeu cunha ovación en pé. O tema producido por Pucho é un colaxe de diferentes correntes musicais autóctonas no que Tangana cede a voz á Coral Casablanca, Sine de Keltoi! e o grupo tradicional Lagharteiras. Xisco Feijoo serviu de guía do folclore galego para Antón e os seus camaradas: Alizzz, pablopablo e Arco.

A decisión de non cantar no himno tomouna nada máis saber que el sería o responsable da súa elaboración. Con isto o músico madrileño quere que a canción non sexa de C. Tangana, senón da xente, e que dentro duns anos ninguén se lembre da súa autoría. Ademais, “creo que todas as persoas que aparecen no tema cantan e tocan mellor ca min”, engadiu con humor. Sine, vocalista da banda de punk rock Keltoi!, mostrou receo no primeiro momento cando contactou con Pucho: “Nós estamos nas antípodas musicalmente do que fai acotío Pucho. Puxémonos en contacto por amigos comúns, a xente de Tropas de Breogán. Pensamos que igual nos usaban para branquear o tema“. Ao ver que o tema estaba escrito en galego e o respecto co que Tangana se estaba achegando á música galega, o vocalista non dibidou en participar.

Pucho viu necesario explicar por que El Madrileño é o autor do himno do clube vigués: “Son madrileño, estudei nun colexio de Carabanchel. Ninguén tiraba as faltas como Mostovoi nin celebraba os goles facendo a Gaivota. Non foi novo que se dubidase do meu celtismo. Tiven que gritar que era do Celta toda a vida, non era normal ao meu arredor. Foi un acto de militancia. Co himno quería transmitir unha forma de vivir o celtismo activa“, explicou.

Pucho ao rematar a proxección do himno | Celta Media

Un dos momentos máis emocionantes do serán foi a aparición de Alicia Barreiro, socia número un do Celta. A muller de 91 anos, que leva máis de 80 como abonada, admitiu estar encantada co himno e con coñecer a Pucho: “Non quero irme deste mundo co Celta en Segunda. Cumprín 91, nunca crin chegar ata aquí, pero quero vivir un pouquiño máis”, finalizou entre aplausos. O outro momento lacrimóxeno do acto foi a participación do vigués Antón Álvarez, xornalista e pai de C. Tangana: “Levo unha hora chorando. Teño sentimento de orgullo. O Celta é o equipo da miña vida”.

Pola súa parte, un Pucho entre bágoas mostrouse feliz de que a canción lle gustase ao seu proxenitor: “Non todo o que fago lle gusta. Entre dous homes dásenos regular dicirnos os sentimentos. Para min é render homenaxe ao que o meu pai me deu, á súa terra, ao seu idioma, á súa cidade. Todo iso é meu dalgunha forma e é a miña maneira de dicirllo a el e ao mundo», reflexionou Antón fillo. O capitán do Celta Iago Aspas tamén se mostrou entusiasmado con ‘Oliveira dos cen anos’ e admitiu que lle tivese encantado participar na rodaxe: “Gustariame ter estado nesa gravación en Rande pero era a previa do último partido ante o Barcelona… aínda que para o que fixen aquel día ben puiden ter ido”, dixo rentranqueiro, arrincando unha carcaxada ao Teatro García Barbón.

Lembremos que toda esta historia comezou en febreiro de 2021 cun inocente tuit no que C. Tangana respondía a unha publicación de Radio Vigo que preguntaba aos afeccionados celesten quen querían que fose o autor do himno do centenario. Entre as opcións dadas non se atopaba o madrileño, e a el pareceulle divertido tuitear “Puedo intentarlo?”. Eses 17 caracteres desembocaron onte nunha xornada chea de emoción e nun himno cargado de celtismo subversivo, militante e sentimento de pertenza.

REVISTA VERAN
The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.