Extraescolares a calquera idade
Aumentar a concentración, mellorar o ritmo ou adquirir habilidades artísticas, ademais de relacionarse xente fóra do noso círculo e rachar coa rutina, son algúns dos beneficios de iniciar o curso con actividades para as que non fai falta ser escolares.
A Morada
A cooperativa feminista da zona da Hispanidade ten como obxectivo, ademais de fomentar a aprendizaxe, crear lazos coa xente coa que se comparte o espazo. «Aquí o prioritario non é recibir unha clase, senón crear vínculos e relacións saudables desde a colectividade», explica Fedra, unha das fundadoras do proxecto xunto a Majo e Ana. Grazas á boa acollida o local mantén a oferta formativa do ano pasado, con cursos impartidos por profesoras especialistas: Arte, Bailes de serán, Canto e pandeireta, Ioga e aliñamento, Movemento creativo e Xogos de improvisación, sumando unha nova formación, Danzas urbanas.
Ademais dos cursos regulares, a cooperativa organiza unha completa programación de eventos e obradoiros puntuais e dúas actividades gratuítas de convivencia que se celebran unha vez ao mes: a Wikimorada, na que aprender a editar a Wikipedia para diminuír a fenda de xénero, e o Patio de sexualidade, no que se charla de xeito distendo cunha especialista. Debido ao carácter social do espazo é posible facernos matrocinadoras do mesmo, obtendo, nalgunhas das modalidades, un desconto nos cursos e contribuíndo á sostibilidade do proxecto.
Rúa de Enrique X. Macías, 6 | amoradacooperativa.com | @amoradacooperativa
Escola de baile Caixa de Ritmos
Hai doce anos que Elena e Jorge empezaron a dar clases de swing baixo o nome Swing On. Hoxe, cun alumnado asentado e en crecemento, apostan por abrir a escola de danza Caixa de Ritmos, que bota a andar este mes e na que, ademais dos cursos de Lindy hop e jazz para todos os niveis polos que xa son coñecidos, encontramos outros tipos de danzas: afro, contemporánea, dancehall, hip hop, house etc. Para quen non saiba por cal destes bailes decidirse, é posible probar as diferentes disciplinas na semana de portas abertas que celebran a partir do luns 23.
Os sinais de identidade do espazo son o interese e o respecto pola historia dos bailes que ensaian, moitos deles de orixe afroamericana. Ademais da práctica física, as docentes fan fincapé no coñecemento e na apreciación da cultura e os movementos sociais nos que se orixinou cada baile. Do mesmo xeito que veñen facendo con Swing On, Elena e Jorge teñen en mente a organización de eventos de baile, música e cultura , tanto no propio local como na rúa. O venres 13 está programada a festa de presentación na sala Kominsky, con sesións de DJ picando os diferentes estilos de música desta prometedora escola.
Canellón dos Caños, 9 | caixaderitmos.com | @caixaderitmos_vigo
Cerámica Belén Soto
Belén comezou na cerámica como un pasatempo e axiña converteu o modelado de arxila na súa profesión. Desde hai case tres décadas, esta artesá rexenta un taller no que crear pezas de seu e compartir as habilidades como ceramista creativa, oleira, e especialista en modelaxe de figuras e escultura. As clases están dirixidas a maiores de idade que queren desconectar da rutina namentres que exploran o lado creativo. As sesións non seguen unha estrutura pechada, senón que cada persoa é libre de crear a peza que queira, seguindo as recomendacións da mestra. Os cursos son ininterrompidos durante todo o ano, con pago mensual e sen duración estipulada. «Hai quen leva aquí sete anos e hai quen vén un par de meses no verán», explica a profesora.
Un dos puntos fortes deste taller-escola é a amplitude das súas instalacións e a cantidade de equipamento; aquí encóntranse todo tipo de ferramentas para realizar diversidade de técnicas, o que permite a experimentación e unha aprendizaxe moi completa. Para Belén, a dificultade e o éxito das clases de cerámica reside en que a técnica esixe paciencia; esperar dunha semana para a outra a que seque o barro pode supoñer unha inusual calma no medio da rutina.
Avenida de Ramón Nieto, 23 | jugandoconarcilla.es | 629 82 69 77
Foxspain Fotografía
Máis dunha década na docencia da fotografía avala a Andrés, o experto detrás da escola de Foxspain. Neste centro de ensinanza con sede na rúa do Porto impártense cursos en moitas modalidades e duracións, sempre ofrecendo facilidades ás persoas traballadoras e actualizando o catálogo de cursos para estimular a curiosidade do alumnado. Desde cursos de poucas horas unha fin de semana a formacións de sete meses, divididos en tres niveis de experiencia e varias temáticas: fotografía dixital, fotografía móbil e edición. Andrés incide no enfoque práctico das súas formacións, nas que só un 20% do tempo se pasa sentado na aula. Nesta ligazón atópase detallada a información sobre cada un dos cursos ofertados por Foxspain.
Ademais dos cursos Foxspain vai máis aló ofrecendo saídas fotográficas, recentemente foi de excursión ata Oporto e as Fragas do Eume, poñendo ao alumnado en situacións prácticas novas e diferentes. O trato próximo, a claridade nas explicacións e a dispoñibilidade do docente para resolver dúbidas son algunhas das cualidades que resaltan os alumnos de Andrés.
Rúa do Porto, 19 (Coworking Vigo) | foxspain.es | @foxspainfoto
Taller de artes plásticas La Mina de Sal
A estimulante proposta de Víctor na Mina de Sal é a de ofrecer o maior número de disciplinas posible nun único espazo. Neste taller de Navia podemos aprender debuxo, escultura, gravado, modelaxe, pintura, e talla; todas elas impartidas por Víctor, con estudos en belas artes. Os cursos están dirixidos a adolescentes e adultos, tanto para persoas que simplemente queren pasar unha boa tarde desenvolvendo a creatividade, como para aquelas que persoas que desexen abrir unha vía no eido laboral.
Ademais dos cursos regulares, que duran todo o ano escolar, tamén se ofrecen talleres monográficos intensivos. Para este inicio de curso hai xa tres talleres programado: Debuxo con modelo, o sábado 14 de setembro; Iniciación ao gravado en relieve, o sábado 21 de setembro; e Talla en madeira, o sábado 5 de outubro. A oferta formativa vaise anunciando tanto na web como na conta de Instagram da escola.
Rúa de Lourido, 21 | laminadesal.com | @laminadesal
Rocódromo Mapache Climbing
O primeiro e único rocódromo aberto para o público na nosa urbe leva catro anos en funcionamento. Un período que Raúl, responsable do espazo, define como «de constante crecemento». Ao incio resultaba difícil explicar para quen nunca escalara o que eran aquelas paredes cheas de peciñas de cores, mais hoxe o espazo conta cun público fiel e unido, que medra cada ano e que en moitas ocasións combina a escalada en boulder coa rocha natural no exterior.
En Mapache podemos escalar por libre ou asistindo ás clases. As clases regulares divídense entre a Escola de escalada, para rapaces de entre 6 e 18 anos; e as Clases de adestramento, sesións de dúas horas para adultos que se están iniciando ou queren perfeccionar a súa técnica. A maiores, un día por semana hai unhas clases libres, que se poden tomar como proba para gozar dunha hora de adestramento guiado e en equipo. Para aquelas persoas que nunca se enfrontaron a un rocódromo, ofrécese un bautismo individual no que se explican os fundamentos e as técnicas básicas deste deporte de aventura.
Avenida de Ricardo Mella, 123 | mapacheclimbing.com | @mapacheclimbing
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- A quen queres ver en Castrelos en 2025? - 22 Novembro, 2024
- Beldade: cociña de autora en Tui - 22 Novembro, 2024
- Stoned at Pompeii, Compañía Ártika e Fran Sieira esta fin de semana en Vigo - 21 Novembro, 2024
- Batalla de bocatas en As Cunchas: ‘Friends’ ou ‘The Bear’? - 20 Novembro, 2024
- Sukha Funk evoluciona: máis vegano e a domicilio - 18 Novembro, 2024