VIALIA
PLAYDOC

Glenn Kotche (Wilco): “Á nosa idade só queremos drama musical”

A nivel musical, a programación deste verán en Vigo, especialmente en Castrelos, non foi a mellor para todas aquelas persoas que gusten da música de raíz americana. Por sorte, o Espazo Fest ten a vacina: a banda estadounidense Wilco, unha das máis influintes de country rock, desembarca este domingo 20 no Pazo de Urzaiz, en Nigrán. Unha ubicación idónea para desfrutar da cuarta visita a Galicia do sexteto liderado por Jeff Tweedy, onde presentarán o seu último traballo Cruel Country, adiantarán temas do seu próximo disco Cousin e repasarán a súa extensa e brillante traxectoria. Falamos con Glenn Kotche, batería da banda desde 2001. Podes mercar aquí as túas entradas.

Wilco, con Glenn Kotche de segundo pola esquerda | Peter Crosby

O voso último disco, Cruel Country (2022), é unha volta á música de raíz. Como xurdiu esta idea?

Realmente nós estabamos a gravar outro disco [Cousin, que se publica o 29 de setembro] que era ben distinto: máis experimental, máis orientado ao estudio. No medio do proceso xurdiron unha serie de cancións que non encaixaban moi ben neste disco pero decidimos gravalas igualmente. Saíron dun xeito tan sinxelo que decidimos deixar o outro disco en espera. Jeff [Tweedy, líder da banda] tiña unhas cantas demos deste estilo que compuxo na pandemia. Durante 40 días seguidos enviounos unha gravación ao día (bosquexos de melodías, estribillos, frases de guitarra…) e nós escoitabámolas e en ocasións faciamos as nosas propias aportacións. Empezamos a recuperar estas ideas e decidimos gravalas todos xuntos en directo no estudio. Saíron moi rápido (unha ou dúas cancións ao día) porque non lles dimos moitas voltas nin experimentamos cos arranxos. Foi aí cando decidimos facer un dobre álbum máis orientado ao folk e ao country. Foi moi rápido, sinxelo e divertido.

Como batería, como afrontas a gravación dun álbum tan relaxado e acústico?

Foi moi diferente porque a miña forma de traballar está moi orientada á percusión pola miña formación en percusión clásica. Normalmente cando escoito unha canción visualizo varias partes: a liña de batería e as gavacións percutivas que fago por enriba. Deste xeito estaba traballando no disco que deixamos a un lado para gravar Cruel Country. Pero con este último non pensaba tanto en arranxos, xa que está todo interpretado en directo. Estaba máis centrado en apoiar as letras, que para min son das mellores que ten feito Jeff na súa carreira. Facelo interesante e divertido, pero deixar espazo á parte lírica.

Entraches en Wilco nun momento bastante convulso, coas saídas de Jay Bennet e Ken Coomer [o anterior batería]. Ademais coincidiu coa gravación de Yankee Hotel Foxtrot, posiblemente o disco máis famoso da banda. Como lembras os teus inicios?

Foron emocionantes e caóticos. Eu comecei a traballar con Jeff seis meses antes de entrar na banda nun proxecto xunto con Jim O’Rourke chamado Loose Fur. Traballar con el era moi sinxelo, cómodo e divertido. En principio eu só ía gravar unhas percusións en Yankee Hotel Foxtrot, e foi ao chegar cando me propuxeron unirme á banda como batería. Estaba tan centrado na música que o caos e o drama do meu redor non me molestaban demasiado. Só pensaba en facer un bo disco. Ademais, Ken Coomer foi un dos fundadores de Wilco, polo que se ía substituílo, quería facerlle xustiza e non quería que os fans me odiasen (risos). Afortunadamente eses anos turbulentos pasaron e fixemos moi bos discos naquela época.

Con aquel percal, dubidaches á hora de tomar a decisión ou foi unha elección doada?

Foi doado. Eu estaba recén casado, desfrutando da vida e non quería volver xirar de xeito descontrolado. Sabía que Wilco era unha banda asentada e que tocaba moito, e aínda que o pensei un chisco, eu estaba moi metido na música, quería expresar as miñas ideas e cría no que a banda estaba a facer. Encaixaba musical e personalmente. Por sorte non lle dei moitas voltas á cabeza e aceptei.

Poucos anos despois a banda sumaría a Nels Cline, Mikael Jorgensen e Pat Sansone como membros, e a formación xa non se movería ata os nosos días. Que importancia ten a estabilidade na traxectoria dunha banda?

Foi algo xenial. Somos unha banda madura (todos estamos na cincuentena agás Nels, que ten 67) e, a estas alturas, non creo que ningún de nós queira moito drama nas súas vidas. Desfrutamos do drama musical, todos temos moitas ideas e proxectos propios, e cando nos xuntamos gustamos de retarnos e esixirnos mutuamente, no estudio e no escenario. En directo, despois de tanto tempo xuntos, temos moita confianza no que fan os demais. Se marcha a luz, se rompe unha guitarra ou alguén colle a Covid, sabemos como saír adiante. Non é autocomplacencia, é confianza plena en que podemos probar cousas novas e seguir medrando xuntos. É xenial estar nunha banda con cinco tíos nos que confío e cos que me levo moi ben. Facilita moito a vida na estrada.

Arriba: Pat Sansone, Glenn Kotche, John Stirratt e Mikael Jorgensen. Abaixo: Nels Cline e Jeff Tweedy | Charles Harris

Xa que mencionas a Covid: o ano pasado tivestes que tocar varios concertos sen Nels Cline [guitarrista] porque collera o virus. Pensas que Wilco podería facer un concerto sen batería?

Si, pero non sería un show típico de Wilco. Cando Mike [Jorgensen, teclista] colleu a Covid en México tres persoas foron rotando para tocar as súas partes nos teclados. Cando Nels colleu o virus tocamos outro tipo de cancións, evitando que tivesen grandes solos de guitarra. Cruel Country ten bastantes cancións dese estilo que puidemos adaptar e creo que o fixemos ben. Con todo, non é o ideal, especialmente para o público, xa que Nels é unha parte moi importante do espectáculo. Sen batería? Podería ser, pero se parecería máis a un concerto en solitario de Jeff. Tamén poderían buscar a un sustituto e estaría ben, porque o importante son as cancións. Pero prometo non coller a Covid en España.

Cada vez é máis común, mesmo en directo, utilizar baterías pregravadas. Crees que é unha moda pasaxeira ou chegou para quedar?

Penso que sempre haberá baterías en directo, pero igual para algúns artistas (de pop ou hip hop) ten máis sentido levalas gravadas en loops para aforrar o coste de levar unha banda en directo. É algo que chegou para quedar pero non creo que vaia substituír as baterías en directo. A min gústame ver o que fan os músicos en directo, aínda que estean agochados e o protagonista sexa o cantante.

Tocas a batería dunha maneira moi creativa. En que momento da túa vida dedicaches máis tempo a practicar? Continúas explorando novas formas de tocar?

Penso que foi na universidade cando máis practiquei, pero aínda hoxe intento practicar case todos os días. En 2018, cando estaba vivindo en Finlandia, comecei o proxecto #DrumBeatProject, que consistía en compoñer ritmos todos os días e subilos a Instagram. Agora subo todas as semanas vídeos con ritmos novidosos, que nunca antes fixera, que me empurran a mellorar. É un proceso a longo prazo, pero é moi bo para min, porque estou moi atarefado coas xiras, a familia, as colaboracións… e isto obrígame a saír da zona de confort e explorar novos territorios. É moi bo para seguir medrando de forma constante, xa que agora non teño tempo para espertar pola mañá e poñerme a practicar cinco horas.

Cando comezaches a crear os teus propios artefactos para a batería?

Creo que é algo que fago desde sempre. Estou moi contento de ter feito isto, porque agora hai unha chea de pequenas empresas que venden elementos de percusión para a batería e entón eu xa non tería feito nada. Cando eu empecei esas empresas non existían, entón vinme forzado a crear obxectos para obter o meu propio son. Sobre todo ao rematar a universidade, cando descubrín artistas como John Cage, foi cando me centrei noutras técnicas para tocar e en instrumentos menos tradicionais. Ao volver a Chicago mergulleime na escena da improvisación libre, onde non hai ritmo nin melodía, só sons. Hai pouco estiven escoitando uns casetes que gravei cando era novo cos meus amigos no instituto e xa utilizaba algúns destes aparellos.

Wilco por Peter Crosby

Tanto en Wilco como nos teus discos en solitario, as portadas adoitan ser moi potentes. Que importancia ten a imaxe ou a estética nun proxecto musical?

REVISTA MAIO

Esa é unha boa pregunta. A maioría de decisións neste aspecto son de Jeff porque se lle dá moi ben e a min cústame bastante escoller unha imaxe que represente un disco. Elixir a portada dos meus discos é unha loita constante, pero ao ser de percusión é máis doado que se me ocorra algunha idea. De feito, o disco no que estou traballando agora comezou pola portada por primeira vez. Atopei a imaxe e comecei a gravar o disco.

O 20 de agosto tocades moi preto de Vigo. A última vez que tocastes aquí foi en 2011, nun recén inaugurado auditorio Mar de Vigo. Que cambiou na banda desde aquelas?

Recordo que daquelas fixeramos unha xira moi longa por España, porque é o noso país favorito para xirar despois de Estados Unidos. Todos na banda adoramos a súa comida, cultura e xente, e sempre é unha boa nova tocar aí. Naquel concerto estabamos a presentar The Whole Love, e foi unha etapa na que houbo un cambio moi grande na infraestructura das nosas xiras. A produción era máis grande, os músicos estabamos máis separados entre nós, usabamos in ears [auriculares para escoitar o que tocan, en lugar de monitores]. Despois dese disco chegou Schmilco, un álbum máis íntimo e no que tocabamos máis xuntos, con menos equipo, máis natural. Foi como un reinicio para nós. Agora temos un son máis orgánico, escoitamos os monitores dos demais músicos. Cando usas in ears cada un ten o seu son e presta menos atención aos demais. Agora é unha experiencia máis colectiva.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.