CAMELIAS MASCOTAS

Evangelina leva áncoras

O pasado mércores saiu á mar por primeira vez en Vigo a Goleta Evangelina, unha embarcación construída en 1912, catalogada como buque histórico, que desde xa está dispoñible para coñecer a ría a bordo, ofrecendo paseos turísticos a medida con posibilidade de cátering con produtos do mar.

A goleta Evangelina en Portocultura | Fotos: Lara Alonso

Evangelina, unha goleta de principios do século XX, trasladouse a principios de semana ao molle Portocultura de Vigo. Chegou desde a Ría de Noia onde foi construída en 1912 e restaurada en 2007 para reconvertila en embarcación turística. Os seus doce metros de eslora servían orixinariamente para o transporte de mercancías dun lado a outro da ría e a compra e venda de peixe entre as embarcacións e as vilas costeiras, xa que o seu pouco calado permitíalle entrar con maios facilidade que un pesqueiro en peiraos e praias.

REVISTA NOVEMBRO

Á fronte da súa xestión en Vigo está Bluscus, empresa especializada en turismo mariñeiro que conta con outras dúas embarcacións tradicionais. A bordo da Goleta Evangelina, ademais de desfrutar da beleza da ría, os navegantes recibirán explicacións sobre os recursos naturais e hostóricos da ría, como a industria conserveira e das bateas, a gastronomía, as artes de pesca e as Illas San Simón e Cíes. Todas elas están pensadas tanto para estranxeiros como para locais “que moitas veces descoñecen a súa propia contorna e adoitan ser os que saen máis contentos”, comenta Pablo Mariño, fundador de Bluscus e guía.

Evangelina ten unha capacidade de 12 pasaxeiros, máis guía e tripulación. As persoas que desexen navegar a bordo dela poderán reservala a través da web de Bluscus deseñando a experiencia completamente ao seu gusto. A navegación pode ser de 2, 4 e 8 horas e pódese elixir o percorrido a realizar, puidendo visitar as Illas Cíes, a Illa de San Simón, as bateas do mexilón ou incluso realizar excursións nocturnas para a observación de estrelas. Ademais poderemos engadir un cátering de produtos do mar, con mexilóns seleccionados, empanada, conservas galegas e viño das Rías Baixas. A maior parte dos paseos realizaranse a motor, pero tamén se poderá realizar navegación a vela . Sempre baixo demanda, xa que as velas, de gran tamaño, precisan da forza de catro persoas para ser izadas. Os prezos por saída comezan en 500 € por grupo.

A goleta únese á oferta xa existente no molle Portocultura, onde tamén se atopa o barco a vapor visitable Hidria e o miradoiro submarino Nautilus, xestionados pola Fundación Traslatio.”Queremos converter Vigo no porto de referencia de navegación tradicional”, resume Mariño.

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.