CAMELIAS MASCOTAS

Dous restaurantes para saborear este Nadal

Bares e restaurantes son puntos de encontro recorrentes acotío, e máis cando se pon en marcha a temporada de Nadal. Cada ano procuramos con maior antelación o lugar idóneo para sentarmos á mesa ben a gusto, brindar por outro ano e —dentro do posible— comer coma reis. Ofrecemos un par de opcións hostaleiras para gozar destas datas sen ter que cociñar.

Alium, cen por cento sen glute

Este local desmárcase das tapas tradicionais para ofrecer pratos propios, con toques sorprendentes e elaborados con ingredientes de temporada. Nunha época saturada de excesos, aquí proponse unha filosofía case imprescindible: é posible degustar pratos elaborados, ricos e saudables. Nunha carta inspirada en cociñas galegas, españolas, caribeñas e asiáticas, descubrimos pratos como o canelón de luras e cogomelos, un recheo pouco frecuente inspirado tanto no mar como na montaña da gastronomía catalá; un exquisito pato confeitado cunha gornición de cogomelos e castañas que recende a festín; ou o sándwich de guiso de xabarín trufado con queixo de tetilla e kimchi, un emparedado tan suave que é imposible descifrar que, coma o cen por cento da carta, non leva glute.

O cociñeiro Raúl fíxose experto en pratos vexetarianos e veganos, que forman parte da carta habitual e convencen a calquera carnívoro grazas ao bo manexo de especias, sabores e texturas. As albóndegas vexetais (das que acaban de perfeccionar a receita), a cabaza á grella con curry e burrata de coco ou os porros confeitados con romesco e chourizo de cabaza son algúns exemplos. Xa que logo, estamos nun local que acolle persoas de diferentes dietas para compartir mesa, sen perigo de contaminación cruzada. Este é un lugar axeitado para quen padeza de enfermidade celíaca, onde se poden degustar pratos como chulas, croquetas ou luras á romana, sempre sen glute.

De cara ás ceas do Nadal, este restaurante conta con tres menús grupais a uns prezos moi competitivos: 30, 35 e 40 euros. O primeiro está pensado como petisco e os outros dous inclúen, ademais dos entrantes para compartir, un prato principal por cabeza, como son o canelón de luras, o lomedro ou o salmón con fiúncho. Todos estes menús inclúen dúas bebidas e unha sobremesa. Os fogóns de Alium están abertos polo día de Ano Vello, con opción de encargar a comida para levar ou saboreala no propio local (podedes consultar o menú que teñen preparado para esta data tan especial nesta ligazón). E para quen ande á procura dun regalo orixinal, o negocio dispón de vales por unha comida no restaurante, porque todos sabemos que a expresión máis universal do amor se asenta no estómago.

Rúa do Ecuador, 80 | 697 88 33 67 | @aliumvigo | aliumtaperia.com

Marabú, cociña de brasa

O primeiro de decembro de 2022 abría as portas en pleno centro da cidade un asador moderno con decoración actual e elegante, presentacións coidadas e o reinado absoluto dunha grella na que se cociña moito máis que churrasco, pois da trintena de pratos que recolle a carta, 26 pasan polas brasas, incluídas as ensaladas e os doces.

REVISTA NOVEMBRO

Aínda que pode soar contrario á bravura do lume, en Marabú cocíñase devagar, unha elaboración lenta en que os pratos requiren moitas horas de elaboración previa a lume maino. Un exemplo disto é o costelar de vaca, prato estrela do local, que se cociña a baixa temperatura durante 26 horas antes de pasar pola grella. «É o xeito que temos para agregar valor, sabor e cariño ao que facemos», explica Guillermo, o responsable do establecemento. Os produtos utilizados son de alta calidade e proximidade: carne de vaca galega madurada, verduras de hortas pontevedresas, espárragos brancos de Navarra, robaliza e mariscos da lonxa do Grove e atún vermello da recoñecida casa tarraconense Balfegó. Neste proceso de selección tan coidado priman os provedores «familiares e competitivos», un garante que todo o que chega á mesa é fresco, rico e e atendendo á sostibilidade.

A proposta de cara ás xuntanzas do Nadal consiste nun par de menús, un de 45 e mais outro de 55 euros. Con lixeiras variantes en función do rango escollido, en ambos os dous encontramos empanada de zamburiñas, gamba vermella arxentina á brasa, picaña con patacas e torta fluída de queixos afumados e dúas bebidas. Sempre á calor do carbón.

García Barbón, 30 | @marabucocinadebrasa | 886 29 50 36 | marabucocinadebrasa.es