CAMELIAS MASCOTAS

La Urbana: a mellor carne do mundo entre dous pans

O número de establecementos que ofrecen hamburguesas gourmet non para de medrar, polo que manter e diferenciar un negocio centrado neste tipo de produto é cada vez máis complicado. Para isto, La Urbana aposta por unha materia prima de altísima calidade, a elaboración cen por cento caseira e un receitario orixinal. Para garantir o primeiro punto, utilízase unicamente carne de tres tipos: de tenreira, de vaca e de boi, todos de raza galega. O xénero de boi e vaca procede da marca de referencia Roxad’Ouro, considerada durante tres anos como a mellor carne do mundo polo certame de carne bovina máis prestixioso do mundo, World Steak Challenge.

No local indícase a opción de carne máis recomendable para cada tipo de hamburguesa. A metade das opcións da carta son «de autor»; están deseñadas por cociñeiros de restaurantes galegos. A hamburguesa Esgueva, creada polo chef do restaurante ponteareán A Xanela Gastronómica, Ángel Martínez, é unha das máis populares; leva polo, tomate paso, guacamole, cebola e millo crocantes e o queixo Flor de Esgueva do que toma parte do nome. A última en unirse á familia está asinada por Víctor Fernández, xefe do restaurante vigués Morrofino, un delirio inspirado na gastronomía coreana que incorpora kimchi, conservas en vinagre, salsa barbacoa con allo negro e queixo afumado San Simón da Costa.

REVISTA NOVEMBRO

Contar con tantos ingredientes e elaboracións diferentes para cada unha das 16 hamburguesas da carta non é un proceso sinxelo, pero resulta gratificante e diferencial. «Ccomplicámonos á vida desde os inicios introducindo moitos ingredientes artesanais porque sabemos que os clientes valoran iso», explica o xerente da hamburguesería, que ten claro que o éxito do negocio ten moito que ver co tempo investido en preparar cada prato. «Por iso considero que facemos cociña gourmet de verdade», conclúe. Aínda que as hamburguesas son a opción máis recomendable, La Urbana tamén ofrece entrantes para compartir, ensaladas e bocadillos. No apartado das sobremesas, gozan de popularidade a torta de cenoria e o brownie, e recentemente incorporouse a torta de queixo cremoso.

Fóra do apartado gastronómico, é salientable a amplitude do local, tanto no interior como na terraza semicuberta, que o fai un lugar axeitado para xuntanzas. Ademais a cativada é máis que benvida, pois o establecemento conta cunha saliña de xogos equipada con piscina de bólas. Se preferimos desfrutar da comida na casa, o negocio dispón de servizo a domicilio, tanto a través da web como de Glovo.

Rúa Rosalía de Castro, 48 | 986 59 56 89 | @laurbanaburger

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.