REVISTA OUTUBRO

Música e gastronomía no “mellor escenario do mundo”

O sol agochándose tras o Atlántico, música, gastronomía e boa compaña é o que imos atopar esta fin de semana no Solpor Monteferro 2018, un festival que terá lugar os días 6 e 7 de xullo a partir das 20:00 e, como eles din, ten lugar no “mellor escenario do mundo”.

Unha das mellores cousas do verán e poder gozar de concertos e gastronomía en paraxes únicas ao aire libre. Isto é o que oferta o Solpor Monteferro 2018, un festival de dous días (venres 6 e sábado 7 de xullo) que aúna gastronomía e música no fantástico Miradoiro de Monteferro, en Nigrán, a só media hora en coche de Vigo.

Ademais de varias foodtrucks que ofrecerán tacos, bocatas, hamburguesas, creps e pizzas, a fin de semana estará cargada de boa música. O primeiro día, venres 6, actuarán Nadie es Perfecto y Blackstereo. Blues, soul e funk como banda sonora para ver o sol poñerse no océano. Ao día seguinte, tamén a partir das 20:00, teremos as actuacións de Daniela DiCostas, unha das sorpresas da última edición de Factor X, The Hendersons, banda tributo aos Beatles, e The Phantom Club, cargadiños de funk e rock para facer bailar aos presentes.

Por se todo isto fora pouco, a entrada é de balde, polo que é unha oportunidade única de pasar o serán en familia ou con amigos ao aire libre, con boa música e nun lugar inmellorable.