Os mellores plans para 2023
Deixamos atrás o 2022 e recibimos con ilusión un novo ano repleto de eventos e actividades. Malia que a maioría delas aínda están por coñecer, deixámosvos oito plans para que vaiades anotando nas vosas axendas.
UN INICIO DE ANO CHEO DE HUMOR…
Neste mes teremos en Vigo as actuacións de Luis Zahera (7 e 12/1), Pablo Meixe (13/1), Moncho Borrajo (14/1), David Guapo (20/1), Denny Horror (26/1) e, xa en febreiro, a Dani Rovira con Arturo González-Campos (3 e 5/2), Manuel Manquiña (9/2), Paz Padilla (11/2) e Flo, Mota e Segura (25/2).
…E TAMÉN REPLETO DE MÚSICA
Ademais da amplísima programación musical das nosas salas, que iremos coñecendo aos poucos a medida que se acheguen as datas, os grandes recintos xa teñen pechadas algunhas actuacións do máis variadas: Mocedades (7/1), Café Quijano (21/1), Macaco (27/1), Sés (28/1), Kevin Johansen (4/2), Ana Moura (24/2) ou Salvador Sobral (25/3). Tamén haberá un surtido de bandas tributo a Kiss, Queen, Abba, Kiss ou Elvis.
VIG-BAY, A TODA COSTA!
O 26 de marzo terá a gran carreira de Vigo e da súa contorna, a Vig-Bay, 21 quilómetros desde a praia de Samil ata Baiona. Tamén existe a opción de facer a MiniBay, que serían 10,5 quilómetros de Nigrán a Baiona. As inscricións xa están abertas. Outra carreira que teremos no primeiro trimestre do ano será a San Silvestre, aprazada a mediados de febreiro (tempo de Entroido) por mor da mala climatoloxía.
A RECONQUISTA VOLVE AO 100 %
Se a climatoloxía non o impide, a Reconquista de Vigo volve sen ningún tipo de restricción o 28 de marzo. Aínda están por coñecer todos os detalles e as datas definitivas, pero de seguro serán uns días sinalados para todos os vigueses e viguesas. Podes ler aquí o artigo que fixemos sobre a Reconquista na revista de marzo do ano pasado.
EELS, A GRAN BANDA ESTADOUNIDENSE INDEPENDIENTE
Un dos concertos máis destacados deste primeiro semestre, antes do comezo das festas de verán e dos festivais, é o da banda estadounidense Eels o 29 de abril. Capitaneada por Mark Oliver Everett, máis coñecido como Mr. E, a actuación tivo que aprazarse un ano por mor da pandemia. O concerto do Mar de Vigo será un dos tres que realizará esta primavera en España, na que é a súa primeira visita á cidade olívica. Entradas aquí.
CARLOS OROZA CENTENARIO
O mes de maio vai ser especial para a nosa literatura. Ademais das Letras Galegas, o 13 de maio cúmprense 100 anos do nacemento de Carlos Oroza, poeta oriúndo de Viveiro pero que pasou grandes tempadas na nosa cidade. Foi Vigués Distinguido en 2013, dous anos antes de morrer. Nos últimos tempos a Editorial Elvira está a realizar unha forte labor de divulgación da súa vida e obra, polo que de seguro non deixarán pasar esta efeméride tan importante.
LETRAS GALEGAS CON SELO VIGUÉS
O Día das Letras Galegas deste ano están dedicadas ao escritor, intelectual e político Francisco Fernández del Riego. Nado en Lourenzá (Lugo), chegou a Vigo en 1939, onde finou en 2010 aos 97 anos. Doou á cidade a súa colección de libros, que hoxe contitúe a Pinacoteca que leva o seu nome, e foi director da Biblioteca da Fundación Penzol ata 2009. Foi un dos artífices da Editorial Galaxia, fundada en 1950. Podes ler máis sobre el neste artigo que Xurxo Martínez escribiu para a revista de novembro de 2021.
FESTIVAIS DE VERÁN PARA TODOS OS GUSTOS
Parece que aínda falta moito para o verán, pero o certo é que os festivais xa están traballando arreo para telo todo preparado nos meses estivais. De feito, algúns deles xa teñen as datas marcadas e outros tantos están adiantando algúns dos artistas que formarán parte dos carteis. Así como resumo, este verán actuarán en Galicia Robbie Williams, Slipknot, Pantera, Andrés Calamaro, Molotov, Gustavo Santaolalla, Leiva ou Vetusta Morla. Se imos ao norte do país veciño poderemos gozar de Blur, Rosalía, Kendrick Lamarr, Kadavar ou Wilco. E os que están por vir!