REVISTA ABRIL

Os mellores plans para esta fin de semana

É venres e temos a axenda cargadiña de eventos. Para axudarte a facer a túa escolla deixámosche aquí unha pequena selección. Pero recorda que no noso apartado de Axenda podes consultar TODO que se move en Vigo.

 

Ponlle ritmo
A música é sempre unha boa compañeira de fin de semana. Estes días temos en Vigo varias citas importantes. Hoxe a cantante cordobesa India Martínez presenta o seu disco ‘Secreto’ no Auditorio Mar de Vigo. Mañá o histórico grupo Mocedades actúa no Teatro García Barbón, un concerto no que soarán os grandes clásicos da agrupación. Se queremos escoitar música en vivo nun ambiente máis íntimo, esta finde non faltarán os concertos en salas como La Fábrica de Chocolate(Creole Kings e Raiba), La Iguana (The Exploding Boys), La Pecera (Sabela King & The Heartbreakers e Vatapá Quinteto), El Contrabajo Club (Banet + Hellorice e The Liar Papers), O Galo do Vento (Pa ti na ma e Adolfo FH ) ou a Galería Jazz (JJA Jazz Trio).

Tradición
Aqueles que vos guste a música tradicional tedes dous citas ineludibles: San Blas e Rondallas. Aínda que a romaría de San Blas celébrase o vindeiro 3 de febreiro, os furanchos xa están abertos e teñen programados varios concertos. Ademais co noso mapa podes comezar a vosa ruta para non deixar ningún viño nin tapa sen probar. O domingo as rondallas encherán de música e cor o Ifevi no tradicional certame que este ano volve a adquirir o formato de concurso.

REVISTA ABRIL

En familia
Para os cativos da casa hai programadas varias actividades de contacontos e maxia. Pero queremos destacar outras tres pola súa orixinalidade. Hoxe e mañá na rúa de Príncipe ten lugar o teatro ‘A tropa do doutor milagre’, un espectáculo de rúa no que os pequenos poderán probar de primeira man os ‘efectivos’ produtos do Doutor Milagre. Mañá sábado, estréase o musical Aladino na sala Ártika, no que viaxaremos da man de Avento Producións ao Oriente máis máxico. E se preferides as actividades ao aire libre Alados Medioambiente ten preparada unha actividade de bosquinenos no Monte Penide.

En parella
A gargallada está asegurada coa obra de teatro ‘Dos más dos’, unha lea de parellas que conta entre o elenco de protagonistas coa actriz viguesa María Castro. Tamén teatro pero noutra variedade e a estrea de Masa Madre + Sal Marina no Teatro Ensalle, a proposta Pank de Cristina Balboa e Manuel Parra García.

Algo de deporte
A Asociación de veciños do Calvario vén de recuperar a súa tradicional carreira. Así que este domingo tedes unha cita co running da nosa cidade. A Calvario 5+5 dá a opción aos corredores de facer 5 ou 10 km. Se o de correr non é o voso, aproveitade para patinar sobre xeo pois esta é a derradeira fin de semana antes de que pechen as pistas instaladas en Vigo.