Aplomo, cociña para a consciencia e a saúde
Aplomo é un dos restaurantes de referencia para comer a mediodía na zona de Povisa. A súa carta, sempre chea de produtos frescos, e as súas combinacións, lixeiras e nutritivas, combinan á perfección co día a día. Para este Nadal propoñen varios menús para grupos baseados na mesma premisa: comer con consciencia e de xeito saudable, sen renunciar ao desfrute.
O cociñeiro Siro González abriu o negocio en 2020 co obxectivo de converter en algo extraordinario o acto cotián de sentarnos á mesa. Da cociña «consciente» de Aplomo saen cada mediodía pratos que melloran a calidade de vida das persoas: completos, elaborados con alimentos directos do mercado local, ecolóxicos e pensados para unha boa dixestión. «A miña premisa é a de facer dieta sen dieta, é dicir, que nos alimentemos sabendo o que consumimos e os beneficios que os alimentos teñen para o corpo», explica o cociñeiro e creador da carta. O resultado é unha oferta moi variada, chea de produto fresco de calidade, cociñado con cariño.
Na carta atopamos un fondo de armario de pratos fixos, como a ensalada de robaliza fresca con aceite verde, as carrilleiras de tenreira, o tartar de xurelo e framboesas ou o arroz con chocos de Redondela. A oferta varía segundo a temporada, no inverno atopamos a crema de cabaza e o arroz con boletos e castañas. Ademais, cada día descubrimos no encerado unha suxestión a prezo reducido e fóra de carta. Os pratos conviven cunha carta de pizzas elaboradas con masa léveda de fariña de Lalín, que se deixa fermentar durante 48 horas, ao estilo napolitano. Deste xeito, mellórase o sabor da masa e facilítase a dixestión. Para rematar, o chef suxire probar a torta de chocolate con salgado ou o tiramisú acabado de facer.
Nestas datas, Aplomo promociona os tres «Menús para as luces», denominados así porque ao barrio non chega a famosa iluminación do Nadal de Vigo. O prezo desta terna de modalidades oscilan entre os 19 e os 30 euros; a opción máis económica disponse en forma de petiscos para compartir e a máis cara contén un prato de carne ou peixe por comensal, incluíndose en todos bebida e sobremesa.
@aplomocc | rúa de Zamora, 73 | luns, das 11:00 ás 16:00 h; martes a domingo, das 11:00 ás 16:00 e das 19:30 ás 23:30 h
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- A quen queres ver en Castrelos en 2025? - 22 Novembro, 2024
- Beldade: cociña de autora en Tui - 22 Novembro, 2024
- Stoned at Pompeii, Compañía Ártika e Fran Sieira esta fin de semana en Vigo - 21 Novembro, 2024
- Batalla de bocatas en As Cunchas: ‘Friends’ ou ‘The Bear’? - 20 Novembro, 2024
- Sukha Funk evoluciona: máis vegano e a domicilio - 18 Novembro, 2024