REVISTA MARZO

DOA organiza actividades para o Día Mundial da Saúde Mental

O próximo día 10 de outubro celébrase o Día Mundial da Saúde Mental, polo que desde a asociación DOA organizan unha serie de actividades ao longo de toda a semana co fin de promover unha educación inclusiva para conseguir unha saúde mental positiva. 

DOA Saúde Mental, que cumpriu tres décadas o ano pasado, é un colectivo de familiares e simpatizantes que tenta unificar recursos e intereses para modificar o concepto negativo que a sociedade ten das persoas con enfermidades mentais. DOA ten como misión a mellora da calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental e as súas familias, a defensa dos seus dereitos e a representación dos seus asociados.

Banner A Movidiña

Baixo a frase “Educación inclusiva, Saúde mental positiva” e o hashtag #MocidadeSaudable están a realizar unha serie de actividades co gallo do Día Mundial da Saúde Mental, que se celebra o día 10 de outubro. Estas actividades estarán repartidas por Vigo e Cangas. O mércores 10, ás 12:00 no Concello de Vigo, terá lugar a lectura do Manifesto do Día da Saúde Mental, ao que acudirán representantes do goberno local.

Ao día seguinte, ás 17:30, haberá na Rúa do Príncipe unha mesa informativa e unha pequena actuación de rap diante do Museo MARCO por parte dos usuarios do programa de intervención precoz e do grupo La Cloaka Sound. Ademais, do 8 ao 15 de outubro terá lugar o II Encontro Fotográfico DOA, no que poderemos ver a exposición Pés e patas no edificio da Deputación de Pontevedra en Vigo, na Rúa Oporto.

Podes visitar a súa web para coñecer máis información sobre as actividades que realiza esta asociación ao longo do ano. Tamén existe outra páxina adicada ao Día Mundial da Saúde Mental, na que atopar información de interese e unha variedade de xogos para fomentar hábitos de vida saudables e informarse sobre a detección e prevención deste tipo de enfermidades.

(GMT+01:00) Concello de Vigo


(GMT+01:00) Museo Marco


(GMT+01:00) Diputación de Pontevedra (Sede Vigo)