Xesús Chaves: «Foi marabilloso tomarmos as decisións entre todos os traballadores»
Xesús Chaves Fandiño (Lavadores, 1945) entrou no eido laboral desde moi novo, pero sempre se interesou polos libros e axiña se involucrou no movemento obreiro. En setembro de 1972, traballaba en Citroën e militaba no sindicato Organización Obreira (OO); foi un dos 400 traballadores despedidos por mor da folga. Converteuse nun dos membros fundadores do Sindicato Obreiro Galego (SOG), precedente da Confederación Intersindical Galega (CIG).
Como lembras aquel 9 de setembro?
Estaba na quenda da mañá e saín de traballar ás dúas da tarde, sen saber de altercado ningún na fábrica. A iso das sete da tarde, souben dos despedimentos; daquela eu era o responsable sindical da célula de Citroën. Xuntámonos enseguida e chegamos á conclusión de que todo era unha estratexia do Partido Comunista Español (PCE) para meter presión en Madrid. Pero había un problema moi grave: había despedidos; iso primou por riba de calquera outra cuestión.
Ao saber dos despedimentos, saístes á rúa e os traballadores doutras empresas fóronse sumando. Como se artellou todo?
En Organización Obreira (OO) tiñamos claro que había que poñer toda a carne no espeto para que os compañeiros fosen readmitidos e imprimimos de inmediato un panfleto chamando á solidariedade. A organización tivo en conta que había moitos compañeiros que estaban fichados pola Brigada Político-Social (BPS), polo que decidiu pasalos á clandestinidade. Iso significaba que xa non podíamos pasar a noite na casa. No meu caso concreto, non volvín ver a meus pais ata un ano despois.
Como pasaches os días da folga?
Controlamos Vigo ata o día 20; a partir de aí, cidade empezou a estar tomada e era cada vez máis difícil manifestarse. O acoso policial era cada vez máis forte, e o día 22 e acabamos agochados no monte de Cabral. Fixemos unha folla voante que levamos durante a madrugada do 23 a Citroën, pero ao chegar alí, sorprendeunos atopar unha chea de operarios de mantemento; estaban preparando todo para volver a traballar. A través dun intermediario, recibín unha mensaxe de miña nai que me advertía de non volver á casa, porque a estaban vixiando. Como non tiña onde meterme, uns compañeiros deixáronme diñeiro ao outro día, fuxín a Madrid e acabei en Holanda, traballando nas plataformas de petróleo durante un ano.
A consigna era «ou todos ou ningún», pero rematastes a folga con 400 persoas despedidas.
Influíu moitísimo o repregamento do Partido Comunista, que optou pola actitude do pirómano bombeiro, é dicir, prendendo o lume para extinguilo antes de que se descontrole; pero, coma sempre, fomos os traballadores os que o pagamos caro. De todos os xeitos, non estou de acordo con quen din que foi unha derrota; en toda guerra hai vítimas, pero esta folga sentou precedentes. Por exemplo, os traballadores que entraron en Citroën a comezos de 1973, fixérono nunhas condicións mellores, tanto económicas como sociais. Serviu tamén para confeccionar unha mentalidade e unhas organizacións propiamente galegas.
Que destacarías da vivencia daqueles días?
A soberanía obreira, aquilo era marabilloso; tomabamos decisións entre todos, e todos respectabamos o que acordaramos. Tamén destacaría a solidariedade, que non era espontánea, senón froito dun traballo anterior de compañeirismo e concienciación. O proceso de solidariedade é coma unha meda de palla, vaise creando pouco a pouco con actos, con axudas, coa fala…
Hai algo que botes en falta neste medio século?
A xuventude merece que se lle explique a verdade. Elaborar unha historia unilateral é faltarlle ao respecto á clase traballadora. A auténtica protagonista foi a clase obreira, non unha organización concreta.
Tamara Novoa
Editora
Últimos posts de Tamara Novoa (ver todos)
- Ledicia Costas: «O humor e a infancia moven o mundo» - 25 Outubro, 2024
- Mariña López: «O museo da industria conserveira non debería estar no monte» - 29 Agosto, 2024
- Villa Idalina, pícnic privado con vistas ao Miño - 12 Xuño, 2024
- Ailén Kendelman: «A través do humor podemos saír de situacións dolorosas» - 28 Maio, 2024
- Bruno Arias: «A xente está decatándose de que unha película en galego pode ser boa» - 25 Abril, 2024