VIALIA
CAMELIAS NADAL

Lanzamos ‘Tras o pano’, unha serie documental sobre os traballadores do sector cultural en Vigo

Poucas veces nos decatamos do traballo que hai detrás cando estamos na pista a bailar no concerto do noso cantante favorito, cando saltamos da risa na butaca do teatro ou mentres temos os ollos cravados na pantalla do televisor. Por iso, desde A Movida queremos dar a coñecer a labor dos profesionais que fan todo isto posible a través de tres reportaxes audiovisuais que xa están dispoñibles na nosa canle de Youtube.

Técnicos de son, montadores, directores, iluminadores… son algúns dos profesionais que fan posible que poidamos gozar dun concerto, unha obra de teatro ou un filme; mais a maioría das veces o seu traballo queda eclipsado polo dos artistas que se suben ao escenario ou se poñen diante do foco. ‘Tras o pano’ é unha serie documental na que afondamos no traballo que hai detrás dos espectáculos culturais. Tres capítulos con entrevistas a profesionais do sector musical, do teatro e do cine con selo vigués que xa se poden ver en Youtube.

No primeiro capítulo, dedicado á industria musical, participan Luis Antelo, técnico en Estereoarte e nas xiras de Iván Ferreiro desde hai máis dunha década; Pablo Iglesias, produtor musical propietario de Radar Estudios, e Raquel Seijo, promotora de concertos e festivais e xerente de Sweet Nocturna.

CAMELIAS NADAL

No segundo capítulo, dedicado ás artes escénicas, contamos coa participación de Esther F. Carrodeguas, dramarturga, actriz e directora, metade da compañia Butaca Zero; Laura Iturralde, iluminadora e escenógrafa e Marcos Alonso, xerente da Sala Ártika, ademais de actor, director e produtor de espectáculos teatrais.

No terceiro capítulo, dedicado á industria cinematográfica, participan Pablo Fontenla, guionista, director e director de fotografía; Ana Gontad, programadora de festivais como o Primavera do Cine e Álvaro Gago, cineasta.

‘Tras o pano’ é unha idea que xurdiu na pandemia.Ante a cancelación masiva dos eventos culturais vimos de perto como o traballo destes profesionais se paralizaba. A dirección dos tres documentais corre a cargo do noso compañeiro Pablo Vázquez. Este proxecto audiovisual realizouse ao abeiro do Fondo de proxectos culturais Xacobeo 2021 – 2022 da Xunta de Galicia.