REVISTA ABRIL

Xesús Chaves: «Foi marabilloso tomarmos as decisións entre todos os traballadores»

Xesús Chaves Fandiño (Lavadores, 1945) entrou no eido laboral desde moi novo, pero sempre se interesou polos libros e axiña se involucrou no movemento obreiro. En setembro de 1972, traballaba en Citroën e militaba no sindicato Organización Obreira (OO); foi un dos 400 traballadores despedidos por mor da folga. Converteuse nun dos membros fundadores do Sindicato Obreiro Galego (SOG), precedente da Confederación Intersindical Galega (CIG).

Xesús Chaves en Bouzas no 2022 | P. Vázquez

Como lembras aquel 9 de setembro?

Estaba na quenda da mañá e saín de traballar ás dúas da tarde, sen saber de altercado ningún na fábrica. A iso das sete da tarde, souben dos despedimentos; daquela eu era o responsable sindical da célula de Citroën. Xuntámonos enseguida e chegamos á conclusión de que todo era unha estratexia do Partido Comunista Español (PCE) para meter presión en Madrid. Pero había un problema moi grave: había despedidos; iso primou por riba de calquera outra cuestión.

Ao saber dos despedimentos, saístes á rúa e os traballadores doutras empresas fóronse sumando. Como se artellou todo?

En Organización Obreira (OO) tiñamos claro que había que poñer toda a carne no espeto para que os compañeiros fosen readmitidos e imprimimos de inmediato un panfleto chamando á solidariedade. A organización tivo en conta que había moitos compañeiros que estaban fichados pola Brigada Político-Social (BPS), polo que decidiu pasalos á clandestinidade. Iso significaba que xa non podíamos pasar a noite na casa. No meu caso concreto, non volvín ver a meus pais ata un ano despois.

Como pasaches os días da folga?

Controlamos Vigo ata o día 20; a partir de aí, cidade empezou a estar tomada e era cada vez máis difícil manifestarse. O acoso policial era cada vez máis forte, e o día 22 e acabamos agochados no monte de Cabral. Fixemos unha folla voante que levamos durante a madrugada do 23 a Citroën, pero ao chegar alí, sorprendeunos atopar unha chea de operarios de mantemento; estaban preparando todo para volver a traballar. A través dun intermediario, recibín unha mensaxe de miña nai que me advertía de non volver á casa, porque a estaban vixiando. Como non tiña onde meterme, uns compañeiros deixáronme diñeiro ao outro día, fuxín a Madrid e acabei en Holanda, traballando nas plataformas de petróleo durante un ano.

A consigna era «ou todos ou ningún», pero rematastes a folga con 400 persoas despedidas.

Influíu moitísimo o repregamento do Partido Comunista, que optou pola actitude do pirómano bombeiro, é dicir, prendendo o lume para extinguilo antes de que se descontrole; pero, coma sempre, fomos os traballadores os que o pagamos caro. De todos os xeitos, non estou de acordo con quen din que foi unha derrota; en toda guerra hai vítimas, pero esta folga sentou precedentes. Por exemplo, os traballadores que entraron en Citroën a comezos de 1973, fixérono nunhas condicións mellores, tanto económicas como sociais. Serviu tamén para confeccionar unha mentalidade e unhas organizacións propiamente galegas.

Que destacarías da vivencia daqueles días?

A soberanía obreira, aquilo era marabilloso; tomabamos decisións entre todos, e todos respectabamos o que acordaramos. Tamén destacaría a solidariedade, que non era espontánea, senón froito dun traballo anterior de compañeirismo e concienciación. O proceso de solidariedade é coma unha meda de palla, vaise creando pouco a pouco con actos, con axudas, coa fala…

Hai algo que botes en falta neste medio século?

REVISTA ABRIL

A xuventude merece que se lle explique a verdade. Elaborar unha historia unilateral é faltarlle ao respecto á clase traballadora. A auténtica protagonista foi a clase obreira, non unha organización concreta.

Tamara Novoa

Editora

The following two tabs change content below.
Xornalista por vocación. Marchou a Londres estudar un master en Xornalismo Internacional e tras traballar varios anos en Barcelona nunha Asociación sen ánimo de lucro, decide volver ao seu Vigo natal. Na actualidade é unha das creadoras deste proxecto. O que lle permite desenvolver unha das tarefas polas que sinte maior paixón: contar historias relacionadas coa cultura e a movida da súa ben querida cidade olívica.