Crudeza, cevichería de autor
O chef venezolano Óscar Gutiérrez crea no seu local de Don Bosco pratos sorprendentes sen necesidade de calor. Crudeza é a primeira cevichería de Vigo, na que tamén atoparemos pratos cociñados e sobremesas en ambiente íntimo e moderno ou na terraza da popular rúa.
Faltaba en Vigo un sitio de referencia no que comer un bo ceviche ata que chegou Crudeza, un restaurante na Ronda de Don Bosco especializada neste prato da costa pacífica de suramérica que ten o peixe marinado como ingrediente principal. Aos fogóns encontramos a Óscar Gutiérrez, que xunto ao seu socio e cuñado Andrés Rodríguez, ambos venezolanos, abriu este local de decoración moderna e elegante a principio de ano.
O lema de Crudeza, “alquimia gastronómica”, fai referencia á trasnmutación das materias primas en pedras preciosas, ou, neste caso, en experiencias gastronómicas memorables. Algo que conseguen aliñando e mariñando os peixes, mariscos e carnes e ofrecendo un prato diferente no corazón de Vigo. O máis demandado é o ceviche clásico, de peixe branco, seguido do de vieiras. En ambos casos o produto marínase brevemente, para manter a textura e sabor, e acompáñase de elementos frescos como as míllaras, o coentro ou a cebola encurtida, así como outros vexetais como o aguacate e o choclo (variedade de millo sudamericana). O xugo de macerar o peixe, que recibe o nome de “leche de tigre” traballase ata conseguir unha consistencia sorprendentemente untuosa.
Gutiérrez non esconde a súa alegría pola boa aceptación que está a ter o ceviche, que considera a esencia do menú. Un prato “riquísimo, diferente e saudable”, resume o hostaleiro.
O ceviche non é o único prato da carta de Crudeza que non pasa polos fogóns. Están o tartar de salmón e o de vaca, as sardiñas afumadas ou o “crudito” do día, unha sexerencia do chef a base de peixe que cambia a diario.
Tamén hai pratos cociñados, como as carnes ibéricas, as alcachofas confeitadas, os langostinos crocantes con chile ou as saladas cun toque atrevido. Esta variedade engade bos acompañamentos e permítelles chegar a todos os públicos, tamén ao que non se atreve co produto cru. A experiencia redondease con dúas sobremesas, unha cremosa de chocolate e un pastel de queixo con goiaba.
Carta curta, pero variada; coidada, pero asequible pois, como expresa o propio Óscar Gutiérrez “non hai nada peor que ir a un restaurante e quedar con fame” Por iso en Crudeza non hai remilgos superfluos e os esforzos céntranse en conseguir boa materia prima e sacarlle o máximo partido e sabor. “Facemos alta cociña nun restaurante ao que podes vir todas as semanas e sentirte en familia”, resume o chef.
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- A quen queres ver en Castrelos en 2025? - 22 Novembro, 2024
- Beldade: cociña de autora en Tui - 22 Novembro, 2024
- Stoned at Pompeii, Compañía Ártika e Fran Sieira esta fin de semana en Vigo - 21 Novembro, 2024
- Batalla de bocatas en As Cunchas: ‘Friends’ ou ‘The Bear’? - 20 Novembro, 2024
- Sukha Funk evoluciona: máis vegano e a domicilio - 18 Novembro, 2024