CIRCO DE NADAL
CAMELIAS NADAL

Beldade: cociña de autora en Tui

A proposta gastronómica da cociñeira Inma López é unha oda aos produtos de temporada, con especial énfase nos froitos do mar. Un xénero fresquísimo con elaboracións de alta cociña que resulta en pratos sorprendentes, orixinais e únicos.

Fotos: Pablo Vázquez

«A nosa esencia é ser atrevidas e aventureiras», explica Paola Giraldo, socia e xefa de sala. Estas dúas cualidades están no xermolo do restaurante Beldade, pois a valenciana Inma e a colombiana Paola, que se foron coñecer no Reino Unido, atoparon o local de casualidade facendo turismo en Galicia e lanzáronse á aventura cativadas pola beleza do espazo situando na subida ao Parque Natural do monte Aloia.

A carta de Beldade organízase ao redor de tres menús degustación pechados, que evolucionan cada tres ou catro meses. Un menú de oito pases e outro de dez, que comparten a maioría dos pratos, e mais un terceiro menú sorpresa. Os pratos son pequenos, moi ben presentado e integran varias elaboracións. Trátase de menús pensados para abordar con tempo e a mesma actitude aventureira que desprenden as súas propietarias. Escumas lixeiras, cremas suaves, xelatinas delicadas, texturas crocantes e picados refrescantes combínanse con fondos elaborados con tempo e esmero e preparacións con máis arraigo como os escabeches caseiros.

Probamos a xarda en escabeche especiado, con escuma cítrica, puré e chips de tupinambo, e mais un dos pratos sorpresa, que resultou ser unha exquisita gamba crúa, coles de Bruxelas e un fondo salino e intenso. Todo se elabora na cociña do local, desde o cóctel de benvida (unha mimosa de maracuxá), ata o pan de masa nai, fermentado durante tres días, que se presenta cunha manteiga de trufa e romeu. A cociñeira, que aprendeu nos fogóns de varios restaurantes de renome de España e Inglaterra, como boa valenciana, confésase como unha grande amante dos arroces, polo que sempre inclúe algún nos seus menús. Sempre fuxindo das combinacións clásicas, por suposto. Nestes momentos, ofrece un arroz con cenoria, coco e anguía do Delta do Ebro. Outro dos sinais de identidade da cociña de Inma é a mestura de elementos doces e salgados, tanto nos pratos principais coma nas sobremesas. Exemplos disto son o arroz con coco, a lingua de vaca con mango, ou o picado de remolacha con mousse de queixo azul.

A bodega está nas mans de Paola, encargada de casar os pratos cos mellores viños. Aínda que Tui se abrangue na subzona do Rosal da Denominación de Orixe Rías Baixas, esta sommelier sorpréndenos cunha selección moi extensa e variada de máis de cen referencias de viño, con moitas botellas internacionais que varía en función do menú. Na nosa visita, suxírenos un sauvignon blanc do val do Loira cuxa salinidade e frescura fai lembrar o godello galego. Unha combinación perfecta para os pratos da chef.

CAMELIAS NADAL

O restaurante sitúase entre viñedos, nunha encantadora casa de pedra reformada para ofrecer unha atmosfera moderna e cálida sen enmascarar a esencia tradicional. Conta con dous comedores bañados por luz natural e un reservado para dez comensais, ideal para ocasións especiais, ademais de varias zonas axardinadas onde degustar un petisco ou rematar tomando un dixestivo. As grandes cristaleiras permiten ter vistas ás viñas lindeiras durante o xantar. Ademais de ser unha boa nova para os amantes da boa mesa, Beldade supuxo un fito que nos últimos anos sinalou o concello de Tui como destino gastronómico ao ser o primeiro restaurante deste municipio en se incluír na célebre guía Michelin.

Lugar: Remesal, 9 (Tui)
Distancia desde Vigo: 32 quilómetros (aprox.)
Prezo: entre29,00 € e 49,00 € por persoa (aprox.)
Arredores a visitar: a Catedral deSanta María, o Paseo Fluvial, a xudería ou os próximos concellos de Goián e Valença

Información e reservas: 986 14 98 08 | restaurantebeldade.com | @beldade_tui

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.