Outro conto, cociña saudable contra a cultura da dieta
Alba Cobo e Isaac Pujales acaban de poñer en marcha un innovador servizo de menús saudables a domicilio no que o autoamor e a divulgación dunha alimentación intuitiva e non restrictiva forman parte da oferta.
Outro Conto é o proxecto de comida a domicilio saudable de Alba Cobo e Isaac Pujales, unha parella que, malia a súa curta idade teñen as cousas moi claras. Alba é unha auténtica activista contra a gordofobia e a cultura de dieta e propón un xeito de alimentarnos “no que non hai restriccións nin rexeitamento dos nosos propios corpos”. Difunde a súa mensaxe de autocoidado a través das súas redes e edita (e vende) o seu propio fanzine con información sobre alimentación consciente, no que rompe mitos e anima a vivir afastados da operación bikini.
Isaac iniciouse no mundo da cociña cando lle detectaron un cancro á súa nai. “Aí decateime de que non comíamos ben e comecei a investigar e cociñar mellor para ela”. Aquela necesidade converteuse en paixón e oficio e hoxe fórmase como cociñeiro e dirixe os fogóns de Outro Conto.
O servizo escapa da inmediatez e apela “a unha experiencia de autocoidado” na que se miman o detalles. O packaging é sostible e os pedidos inclúen unha tarxeta con reflexións ou exercicios que complementan o menú e difunden a filosofía de alimentación intuitiva e positiva, baseada en “escoitarnos, querernos e prestar atención ao que nos gusta e apetece en cada momento”.
Uns días antes do inicio de cada mes, Alba e Isaac publican os pratos que cociñarán. Todos os pratos son vexetarianos, con opción vegana e sen glute. Ademáis, se seguimos unha dieta específica podemos contactalos e adapatarán os pratos ás nosas necesidades, xunto á dietista e nutricionista Marta Losada. Para o mes de xuño atopamos propostas como a torta salgada de feta e verduras asadas, as setas shiitake á feira, os cabaciños recheos de heura ao curry ou os nuggets de brócoli con ketchup de remolacha.
Para coñecer os menús semanais podemos entrar na súa web e redes sociais onde tamén atoparemos as diferentes tarifas e opcións. Se queres desfrutar dos menús saudables de Outro Conto, debes encargalos ata o xoves da semana anterior e elixir se queres recibilos a domicilio ou pasar a recollelos no local, que comparten coa cooperativa A Morada. Este sistema de reservas permite a Alba e Isaac unha maior organización, reducir ao máximo o desperdicio alimentario e compaxinar o traballo cos estudos e o lecer.
A parella, xunto ás compañeiras de A Morada, organizan habitualmente xornadas de ocio e aprendizaxe nas que ofrecen os seus pratos.
Enderezo: R. Enrique Xabier Macías, 6
Facebook: Outro Conto
Instagram: @outroconto
Web: www.outroconto.com
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- A quen queres ver en Castrelos en 2025? - 22 Novembro, 2024
- Beldade: cociña de autora en Tui - 22 Novembro, 2024
- Stoned at Pompeii, Compañía Ártika e Fran Sieira esta fin de semana en Vigo - 21 Novembro, 2024
- Batalla de bocatas en As Cunchas: ‘Friends’ ou ‘The Bear’? - 20 Novembro, 2024
- Sukha Funk evoluciona: máis vegano e a domicilio - 18 Novembro, 2024