‘Son da cidade’, a biblia dos adictos á música viguesa
O xornalista de A Movida Pablo Vázquez e o músico Denis Carballás publican Son da cidade, unha guía ilustrada para coñecer ás bandas máis relevantes da música viguesa dos últimos 20 anos. O volume está publicado pola editorial Galaxia, conta con prólogo do escritor (e tamén músico) Pedro Feijoo e chega ás librarías a partir deste xoves.
Non é a primeira vez que Denis e Pablo nos trasmiten o seu coñecemento e paixón pola música viguesa. Xa en 2018 produxeron Cuna de músicos, un documental no que retrataban a escena musical viguesa percorrendo as décadas dos 80, 90 e 2000. Daquela experiencia saíron coa sensación de que o público e a crítica conservaban nun pedestal á Movida dos oitenta e presataba pouca atención á escena actual. “Entendemos que a nostalxia é un inimigo difícil de vencer, pero somos teimosos e seguimos reivindicando a música que se fai agora na nosa cidade”, anuncian na introducción como xérmolo do libro que agora publican: Son da cidade.
Son da cidade é o debut literario de ambos autores. Unha pequena panorámica da música feita en Vigo no que levamos de século. Un libro ilustrado no que se retratan con debuxos, fotos e palabras a 46 artistas e bandas e a cinco colectivos que paga a pena coñecer. Vázquez recoñece que a escolla dos artistas, peneirados dunha lista de centos, foi moi difícil, pero considera que o menú é sufiente para abrirnos o apetito por coñecer a nosa música: “Aínda sendo só 50 artistas seguro que todos os lectores atopan algún que non coñecen”, apunta.
O criterio de selección ten en conta a variedade musical e que a traxectoria fose desenvolvida neste século: “Isto non quere dicir que empezaran a tocar agora, pero si que teñan un disco publicado ou outra achega de interese nos últimos 20 anos”, explica Vázquez. Desta maneira, explícase a introducción de artistas como Siniestro Total ou Nicolás Pastoriza, quen iniciaron o seu camiño hai catro décadas. No libro encontramos variedade de estilos, xéneros e idades. Voces novas, como a de Sanny ou Pablo Lesuit, e consagradas, como Carlos Nuñez e Iván Ferreiro ocupan a “Cara A”; mentres que na “Cara B” atopamos cinco colectivos: clásica, electrónica, jazz, trap e underground. Cinco escenas que completan o mosaico sonoro e visual que nos propoñen Vázquez e Carballás.
Cada texto de Pablo está acompañado por unha ilustración de Denis a páxina completa e por fotografías, carteis e materiais de hemeroteca que os autores recolleron de diversas fontes. En total, máis de 200 imaxes completan uns textos directos e accesibles a todo tipo de públicos, sen necesidade de ter uns coñecementos musicais previos. Ademais, nas primeiras páxinas do libro atopamos un código QR para acceder a unha lista de Spotify e acompañar a lectura cunha banda sonora a medida.
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- Stoned at Pompeii, Compañía Ártika e Fran Sieira esta fin de semana en Vigo - 21 Novembro, 2024
- Batalla de bocatas en As Cunchas: ‘Friends’ ou ‘The Bear’? - 20 Novembro, 2024
- Sukha Funk evoluciona: máis vegano e a domicilio - 18 Novembro, 2024
- Monkey Park, diversión salvaxe en Portugal - 12 Novembro, 2024
- Tea Talk, un sorbo de Asia no corazón da cidade - 7 Novembro, 2024