Gran presenza viguesa nos Premios da Música Independente
Onte os Premios da Música Independente (MIN) anunciaron a lista de nominados nas dezaoito categorías, entre os que atopamos as bandas locais Basanta, Family Folks, Presumido, Kings of the Beach, Maryland, Santi Araujo, Disco las Palmeras! e Maldito Murphy.
Non é nada novo que a música viguesa goza de gran saúde e rebosa talento, aínda que moitas veces isto non sexa recoñecido tanto pola crítica como polo público en xeral. Neste caso, atopámonos moi ben representandos nos Premios MIN, os galardóns máis prestixiosos a nivel nacional no que a música independente se refire. Podes votar por calquera destas bandas no seguinte enlace ata o 11 de febreiro. Desta maneira axudarás a determinar os 30 semifinalistas que competirán o 13 de marzo no Teatro Circo Price de Madrid.
Comezamos por Basanta, que están nominados nin máis nin menos que a 7 premios (Mellor artista emerxente, Canción do ano, Mellor álbum, Mellor álbum de Pop, Mellor produción Musical, Mellor deseño gráfico e Mellor videoclip). Tras eles atopamos a Maryland con 5 (Mellor Artista, Canción do ano, Mellor álbum, Mellor álbum de Pop e Mellor videoclip), Santi Araujo con 5 (Mellor artista emerxente, Canción do ano, Mellor produción Musical, Mellor deseño gráfico e Mellor videoclip), Presumido con 4 (Mellor artista emerxente, Canción do ano, Mellor produción musical e Mellor videoclip), Kings of the Beach (Mellor artista emerxente, Mellor álbum, Mellor álbum de rock e Mellor directo), Disco Las Palmeras! con 4 (Mellor artista, Canción do ano, Mellor álbum e Mellor álbum de rock), Family Folks con 4 (Mellor artista, Mellor álbum, Mellor álbum de rock e Mellor deseño gráfico) e Maldito Murphy con 1 (Mellor videoclip).
Ademais, a banda galega Birds & Cables, nominados a 3 categorías, optan ao galardón de mellor videoclip con Older with you, un vídeo dirixido pola viguesa Soledad Rebollo e rodado en gran parte na nosa cidade. Outros artistas galegos con representación nestes premios son Chicharrón, Cora Novoa, Fredi Leis, La Casa de los Ingleses, Marem Ladson, Mounqup, Novedades Carminha, Susana Seivane, Tanxugueiras ou Triángulo de Amor Bizarro, entre outros. Lembrar tamén que no 2017 a banda viguesa Eladio y los Seres Queridos fíxose co galardón de Mellor Álbum en Galego grazas a Cantares.
Por se fora pouco, a moitos dos demais nominados do resto do país puidémolos ver este pasado ano na nosa cidade, tanto en festivais como en salas ou auditorios. Así, visitaron Vigo neste 2018 Morgan, Los Planetas, Carmen Boza, Carolina Durante, Cala Vento, Belako, Arizona Baby, Cycle, Dorian, Fino Oyonarte, La Habitación Roja, Joe Crepúsculo, Iratxo, Apartamentos Acapulco, Perro, Siloé, Aurora & The Betrayers, Con X the Banjo ou Lágrimas de Sangre.
En definitiva, vivimos nunha cidade cun gran talento e unha gran creatividade no ámbito musical, como así o demostran estas nominacións. Tamén destaca a xuventude de todas estas bandas, o que remarca que hai escena musical para longo. Vigo tamén é unha das paradas obrigatorias de moitos artistas de renome, tanto da escena mainstream como da independente. Como dicimos sempre, quen queda na casa é porque quere!
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Novidades musicais viguesas para desfrutar do outono - 10 Outubro, 2024
- Concertos homenaxe a Batman e Ennio Morricone, Matt Pascale e ‘O Pequeno Poni’ esta fin de semana en Vigo - 10 Outubro, 2024
- Revista de outubro: Os templos da sétima arte - 3 Outubro, 2024
- Kintsugi, o novo espazo de movemento para aceptar as cicatrices do noso corpo - 1 Outubro, 2024
- Os templos da sétima arte: pasado e presente dos cines de Vigo - 25 Setembro, 2024