VIALIA
PLAYDOC

As pegadas de Bob Dylan na música viguesa

Este luns 24 de maio o músico estadounidense Bob Dylan celebra 80 primaveras, polo que resulta o momento idóneo para falar con algúns artistas locais nos que aínda resoan ecos das melodías do xenio de Duluth. Malia que só visitou, que saibamos, unha vez a nosa cidade en 2008, a súa influencia musical é máis que notoria nunha chea de intérpretes de xéneros ben variados.

Montaxe de Bob Dylan e Suze Rotolo na rúa do Príncipe | P. Vázquez

80 anos dan para moito. No caso de Bob Dylan, aínda dan para máis: revolucionou a música popular en varias ocasións, leva enriba dos escenarios seis décadas e gañou innumerables premios e distincións, como o Grammy, Oscar, Globo de Ouro, Pullitzer, Príncipe de Asturias, Medalla Presidencial da Liberdade ou mesmo o Nobel de Literatura no ano 2016. Aínda que existen algúns detractores da súa figura, de agasallo de aniversario preferimos dárlles voz a aquelas persoas que o queren ben: Eladio Santos, de Eladio y los Seres Queridos; Rubén Suárez, de Family Folks e High Sierras; e Sandra Gómez, máis coñecida como Sanny.

Eladio non lembra a primeira vez que escoitou a Dylan, pois a súa música sempre estivo presente no seu fogar: “De neno recordo ter na casa unha casete dun concerto da súa etapa relixiosa e gospel”. Sanny, en cambio, mesmo lembra a primeira canción que escoitou del: “Tiña 11 anos e un dos discos que poñían meus pais no coche incluía ‘Hurricane’, e a partir aí comecei a tirar do fío”. Unha canción, por certo, que se atopa no álbum Desire (1976), o primeiro que engaiolou a Rubén: “Ao ter irmáns maiores, eles xa tiñan discos seus por casa. Outro dos primeiros que escoitei foi a banda sonora do filme Pat Garrett & Billy the Kid“.

Se algo define a traxectoria de Dylan é a súa capacidade para cambiar de estilo continuamente, rachando de maneira radical coa súa obra anterior. Este feito provoca xa non que sexa difícil escoller un disco favorito, senón unha etapa predilecta. “A época que máis me gusta é a eléctrica (64-66), aínda que o meu disco preferido é John Wesley Harding (1967) por ese punto foraxido que ten e por querer deixar de ser o mesías que lle obrigaron a ser”, comenta Rubén. Ese endeusamento do que fala tivo lugar especialmente a comezos da década dos 60, cando abandeiraba a corrente folk de carácter social e comprometido, cuxa música e ideoloxía influíron moito nas composicións de Sanny: “Encaixaba moito mellor co que eu facía musicalmente, aínda que agora eu quedaríame co disco Blood on the Tracks (1975) polo seu alto nivel lírico”. Eladio prefire destacar unha etapa non tan famosa: “A nivel de son a que máis me gusta é a dos 70, e tamén a etapa cristiana dos 80”. Se en algo coinciden os tres é que a discografía dylaniana é un ser vivo en contínuo movemento, polo que non é raro ir variando os gustos ao longo dos anos.

REVISTA MAIO

Tamén teñen en común que non deixaron pasar a oportunidade de ver ao seu ídolo en directo: desde Lisboa á Coruña, pasando por Vigo, Santiago, Salamanca ou Madrid, entre os tres suman oito concertos do estadounidense. “Musicalmente sempre fixo o que lle petou, e algo que me gusta de todo artista é a súa capacidade para adaptarse ao momento, reinterpretando as cancións dunha maneira diferente á do disco” sinala Rubén, quen tamén pensa que Dylan sería un conversador musical excepcional, algo que xa demostrou no programa radiofónico Theme Time Radio Hour. Esa vontade camaleónica fai que, en palabras de Eladio, “poidas estar escoitándoo toda a vida, pois ten moitísima obra e se te aburres dunha etapa podes pasar á seguinte”. Sanny, ademais de gozar coa súa discografía, fixo unha ponencia sobre el, falando da “influencia que a música popular norteamericana tivo nos seus primeiros anos, cando el bebía moito da figura de Woody Guthrie”.

Tanto Sanny como Eladio coinciden en que Dylan foi o primeiro en tratar a música popular dunha maneira máis poética e intelectual, elevando a súa categoría de simple entretemento a arte. Isto lévanos a falar irremediablemente da consecución, non exenta de polémica, do Premio Nobel de Literatura en 2016: “A xente pensou que llo daban por ser moi bo, pero non, é por ser o primeiro en introducir a literatura na música popular” explica Eladio, que pola paixón das súas palabras, apostaría que non é a primeira vez que ten este debate. Rubén, ademais, considera que Dylan animou a moita xente que, sen ser “cantantes ao uso nin instrumentistas virtuosos”, comezaran a compoñer cancións e a cantalas, como é o seu caso.

Xa que o tema dá para horas e horas, e temos que deixar algo de material para o seu 90 aniversario, a mellor forma de celebrar esta tan sinalada data e coller os seus discos, ou o Spotify, e tratar de entender por que Bob Dylan é considerado o compositor máis importante da historia da música contemporánea. E se aínda así non somos quen de comprendelo, xa saben, a resposta está no vento.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.