CAMELIAS MASCOTAS

Propostas para ver, ler e escoitar a Xela Arias

Con motivo do Día das Letras Galegas, que este ano está dedicado á creadora, editora, tradutora e mestra Xela Arias, a Xunta de Galicia, xunto a outras institucións públicas e editoriais, celebrarán un amplo programa con ata medio cento de iniciativas presenciais e en liña que abranguen propostas no eido literario, expositivo, deportivo, promocional, musical e escénico, entre outros. Están dirixidas a todos os públicos de toda Galicia, e terán como acto central o propio Día das Letras, o vindeiro 17 de maio en Vigo.

Froito dun traballo colaborativo entre as institucións e a familia da autora, a programación prevista como homenaxe a Xela Arias abrangue multitude de iniciativas de participación social e cultural, de fomento da igualdade e a integración, accións musicais e actividades no ensino, nos concellos e tamén haberá actividades para os galegos no exterior. Estas son algunhas das que poderemos gozar en Vigo.

Exposicións

Xela Arias. Asinamos ser libres. Mostra itinerante sobre a obra, o pensamento e o contexto da homenaxeada. Parará na sede da Xunta en Vigo no mes de xuño.

Tigres coma cabalos é unha mostra inspirada no poemario homónimo e artellada en 48 fotografías e acompañada dunha reedición do poemario en formato de catálogo expositivo.

A Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel organiza a exposición Xela Arias: o compromiso dunha voz e a mostra bibliográfica Na fraga dos paxaros faladores, arredor da anfritrioa das Letras Galegas 2021. Ambas entre o 3 e o 31 de maio.

De maneira virtual, tamén se celebrará a iniciativa Xela Arias. Fotogalerías. Retratos de autor. Trátase dunha proposta que se poderá ver no Portal da Lingua Galega, que ofrecerá a partir de abril unha fotogalería con preto de 30 imaxes da poeta de Xulio Gil, autor dalgúns dos retratos máis coñecidos de Xela Arias.

Publicacións

Cadernos Ramón Piñeiro XLIV. Homenxa a Xela Arias. Unha publicación do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades que recompilará ensaios de varios autores e autoras arredor da poeta.

Non te amola!. Obra inédita que a autora ultimaba cando faleceu, con ilustracións de Bea Gregores e prólogo comentado da profesora Ana Iglesias.

Intempestiva. Biografía (literaria) de Xela Arias. Da man da profesora e crítica literaria Montse Pena Presas. A obra, percorre a vida e a obra da autora homenaxeada, ambas as dúas marcadas pola heterodoxia dunha muller que non desexaba ser categorizada en corrente ou escola ningunha. Editado por Galaxia.

Denuncia do equilibrio (1986), primeiro poemario da autora, unha obra a contracorrente da poesía actual daquel momento, unha obra rabiosamente contemporánea que dá conta do arrebato dunha voz nova, independente, radicalmente propia, que se pon en marcha cunha enorme forza simbólica. Editado por Xerais.

Darío a diario, un libro valente, que reflexiona e desmitifica a maternidade, reescrito desde unha inha perspectiva de xénero e tomando como base o diálogo co seu fillo Darío, desde a intención confesa de compartir os seus versos con outras mulleres. Editado por Xerais.

Xela quixo ser ela. Biografía de Xela Arias (2021), por Yolanda Castaño, encargada de achegar a vida da autora e de amosar como, xa desde a infancia dunha nena escritora, se albiscan os valores que guiarán o seu camiño. Editado por Xerais.

Poesía reunida (1982-2004), un volume que dá conta da obra poética de Xela Arias para contribuír á difusión e coñecemento dunha autora para quen a poesía era “un trato coa búsqueda da vida poderosamente iluminada”. Con edición, introdución e notas de María Xesús Nogueira en Xerais.

REVISTA NOVEMBRO

XelArias palabra á intemperie. Libro ilustrado. A través dunha conversa a tres bandas, Emma Pedreira e Laura Romero preséntannos a Xela Arias, poeta, tradutora, docente, letrista e, sobre todo, muller transgresora. En Baía Edicións.

Xela Arias. Poeta e tradutora. Biografía de Anxo Xoán Rajón Pazó, que sae do prelo no marco da colección “GALEGOS NA HISTORIA” de Ir Indo.

Tamén destaca a elaboración e difusión dunha trintena de pílulas audiovisuais arredor de Xela Arias con testemuños de familiares, amigos e persoeiros da cultura galega ou un novidoso proxecto de videomapping que proxectará o propio día 17 versos e imaxes da autora en 25 edificios e emprazamentos significativos de toda Galicia. Ademais, o Portal das Palabras, o web da RAG, así como o do Consello da Cultura Galega ou da CRTVG incluirán contidos específicos sobre o universo vital e literario de Xela Arias.