A poeta Xela Arias será homenaxeada nas Letras Galegas 2021
A Real Academia Galega dedicaralle a Xela Arias o Día das Letras Galegas de 2021. Así o acordaron os académicos na sesión do martes 22 de decembro ao considerar á poeta de Sarria autora dunha poesía singular, transgresora, sincera e comprometida. A RAG lembrará ademais durante o 2021 o seu labor como editora e tradutora que verteu milleiros de páxinas de clásicos universais ao galego.

A protagonista das Letras Galegas 2021 naceu en Sarria en 1962 e finou en Vigo en 2003, cidade á que se trasladou para estudar filoloxía sendo adolescente e onde viviu a maior parte da súa vida. Ademais de escritora, Arias foi profesora en varios institutos de Vigo, Moaña, A Guarda e Chapela.
Xela Arias formou parte dun grupo de poetas que tamén recibirán a homenaxe da RAG a través dela: o dos mozos e mozas que renovaron a poesía a partir dos primeiros 80 en temas, estilo e forma. Concibía a poesía como un xeito de indagar e cuestionar a orde das cousas, de describir o que se aprende a ocultar. A pescuda do eu fonda e reflexiva, a afirmación do corpo feminino, a perspectiva de xénero e a procura de novos espazos para a poesía mediante a recitación ou o diálogo coa fotografía, a música e a pintura, son algúns dos trazos destacados da súa voz como creadora, que anticipou nos anos 80 do século pasado moitos temas e características formais da poesía galega dos 90.
A elección de Xela Arias como protagonista das Letras Galegas 2021 recoñece a dimensión pública e comprometida da vida e da obra da autora. Prestou a súa voz en mobilizacións cívicas, coma as que se produciron tras a marea negra do Prestige, e tomou sempre posición a favor da lingua galega, non só como poeta. Como parte do equipo de Edicións Xerais, onde traballou dende 1980 a 1996, contribuíu ao proceso de fixación da norma do galego. Fíxoo como correctora de estilo e editora, e tamén ao iniciar nos anos 80 un labor pioneiro no mundo da tradución, un eido poucas veces recoñecido.
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- Milongas, o asador que non anda con contos - 9 Novembro, 2025
- O Festival de órgano 8 Pés celebra o seu quinto aniversario coa edición máis internacional - 7 Novembro, 2025
- Pepe Solla chama á solidariedade na Gran Recollida do Banco de Alimentos de Vigo - 7 Novembro, 2025
- Antía Muíño e Grande Amore, embaixadores galegos na nova edición de Girando por Salas - 4 Novembro, 2025
- O Mapa Literario de Vigo conecta 300 obras e 150 autores cos espazos da cidade - 28 Outubro, 2025


