VIALIA
PLAYDOC

Steve Cardenas: “Escoitar jazz non é só escoitar a Miles Davis”

Nigrán pode considerarse un concello afortunado, polo menos musicalmente falando. Ademais de contar con festivais de pop ou rock mantén desde hai dezaseis anos un certame de jazz que goza de boa saúde e crecente popularidade entre músicos de dentro e fóra das fronteiras galegas. A vindeira edición do NigranJazz terá lugar esta fin de semana, os días 28 e 29 de xullo, no esteiro da Foz e congregará a amantes e practicantes do xénero nai da música moderna.

No programa do Nigranjazz, os músicos locais mestúranse cos internacionais e os máis veteranos cos emerxentes; encontros improbables que Felipe Villar, tamén músico e director do certame, procura a propósito. Un dos pratos fortes é o concerto e masterclass impartidos por Steve Cardenas, eminencia do jazz estadounidense. O guitarrista ao que teremos a sorte de ver actuar o sábado e escoitar o domingo forma parte da comunidade jazz de Nova York desde 1995 e traballou como músico de banda xunto a  Madeleine Peyroux, Norah Jones, Eliane Elias ou Marc Johnson, por nomear algúns dos máis coñecidos entre a centena de colaboracións que aparecen no seu currículo. É ademais profesor no conservatorio e un dos maiores expertos mundiais en Thelonious Monk, sobre quen publicou un estudo con partituras manuscritas inéditas.

Falamos con Steve Cardenas poucas horas despois da súa chegada a Vigo desde Nova York, no acolledor estudo de música que Felipe Villar ten no seu domicilio, onde o guitarrista pasa estes días.

É a túa primeira vez en Galicia?

En galicia si. Coñezo xa varias cidades de España e participei nos festivais de Vitoria, San Sebastián, San Javier (Murcia) , Madrid ou Barcelona. Barcelona é probablemente a cidade de Europa á que viaxei en máis ocasións e coa que teño máis vínculo.

Alguén que estivo nos festivais de jazz máis grandes do mundo, que vantaxes ve nun de pequeno formato, como o Nigrajazz?

Os dous formatos gústanme. Nos grandes podes ver xente á que admiras, pero tamén acabas saturado. Hai festivais que duran moitos días e a enorme cantidade de estímulos acaba sendo esgotadora. Acabas empachado. Os festivais pequenos son como unha cea tranquila en boa compañía, onde desfrutas da comida, pero tamén da sobremesa e os amigos con calma.

Steve Cardenas no estudo de Felipe Villar | Foto: P. Cermeño

E como foi o primeiro contacto co festival?

Foi a través dos meus amigos de Barcelona, especialmente do baterista Jordi Rossy que me puxo en contacto con Felipe Villar. Dixen que si moi rápido porque hai anos que teño ganas de tocar a Galicia. Estiven a punto de vir hai uns anos, pero unha intoxicación impediumo a última hora.

Nesta edición do festival encontramos moitos novos talentos do jazz. É dificil encontrar xente xoven que faga e escoite jazz?

Non, para nada. O consumo de música en internet fai que moita xente non estea tan encasillada como cando eu era novo. O meu fillo de 25 anos escoita desde hip-hop ata música clásica e seguramente no medio a plataforma acabe recomendándolle algo de jazz e el faga click nese enlace. Tamén porque escoitar jazz non é só escoitar a Miles Davis e Charlie Parker; ten lazos co rock ou o folclore de moitos países. Cando un estilo evoluciona e méstúrase con outros é síntoma de que está vivo. Hai quen o critica, pero para min é algo positivo.

O domingo tocarás co catalán Simón Osuna ao contrabaixo e o galego David Puime á batería, coñecíalos de antes?

Non, foron suxerencia de Felipe Villar e confiei no seu criterio incluso antes de escoitar a súa música. O noso primeiro encontro será mañá.

E como foron os ensaios na distancia?

Non houbo ensaios (ri). Ensaiamos por primeira vez mañá [sábado 28]. Isto é algo moi común cando te xuntas para facer jazz con músicos experimentados. Hai veces nas que non ensaias nin unha vez e incluso decides o setlist durante o propio concerto. Neste caso, para que todos nos sintamos máis cómodos, si que lles fixen chegar hai uns días unha lista na que mesturei standards de jazz que seguro xa coñecen con outras un pouco máis orixinais.

A improvisación é unha práctica que se prodiga no jazz moito máis que noutros estilos.

REVISTA MAIO

A improvisación está na base de moitas músicas. A máis notoria seguramente son os ragas de India, escalas melódicas de cinco notas que todos os músicos coñecen e sobre as que improvisan. A súa música tradicional é extensísima e está baseada nestas escalas que cambian do norte ao sur do país. No jazz temos os clásicos ou standards, temas que todos os músicos coñecemos e sobre as que improvisamos ou engadimos instrumentos.

Steve Cardenas e Felipe Villar, director do Nigránjazz | Foto: P. Cermeño

O sábado pola mañá impartirás unha masterclass aberta. Como se fai para captar o interese de persoas de diferentes niveis?

A masterclass estará dividida en tres partes. Nunha delas explicarei algúns conceptos básicos que son importantes segundo a miña experiencia e que poden servir independentemente da experiencia do músico. Na segunda falarei sobre Thelonious Monk, que é algo que sempre gusta e para todos os niveis. E na terceira, Felipe suxeriume facer un experimento práctico no que os alumnos interesados poidan tocar a dúo uns minutos comigo. Espero que alguén se anime porque a xente acostuma ser bastante tímida nestas situacións.

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.