REVISTA ABRIL

Cinco clubes de lectura para ler en compañía este outuno

Unha das actividades que máis se practicou durante o confinamento, ademais da repostaría, foi a lectura. Por iso mesmo, se queres seguir nunha boa dinámica, recomendámosche algúns dos clubes de lectura que hai espallados pola cidade: Biblioteca Juan Compañel, Centro de Documentación e Recursos Feministas, Biblioteca Xosé Neira Vilas, Marco ou Escola Oficial de Idiomas.

BIBLIOTECA JUAN COMPAÑEL

Situada no corazón do Casco Vello, é o lugar idóneo para perderte entre libros e levar algún como préstamos para casa. Ademais, moitas son as actividades que teñen lugar dentro das súas paredes, como por exemplo os clubes de lectura. As sesións darán comezo o 19 de outubro con numerosos horarios segundo o idioma que sexa do teu interese:

Francés luns 19.30-20.30 h.
Italiano martes 19.30-20.30 h.
Castelán mércores 18.00-19.00 h. e 19.30-20.30 h.
Portugués xoves 18.00-19.00 h.
Galego xoves 19.30-20.30 h.
Inglés venres 18.00-19.00 h. e 19.30-20.30 h.

Desgrazadamente, o clube de lectura infantil “Trasnadas lectoras” permanecerá suspendido ata novo aviso.

CENTRO DE DOCUMENTACIÓN E RECURSOS FEMINISTAS

E sen saír do edificio, temos outra proposta mensual con libros cuxa temática xira arredor do xénero e o feminismo. Este mércores 30 de setembro teremos a primeira sesión co clásico de Shakespeare Romeo e Xulieta, con Llerena Perozo como relatora. O mércores 28 de outubro será a quenda de La flor púrpura, de Chimamanda Ngozi e, por último, Un árbol crece en Brooklyn, de Betty Smith, o martes 24 de novembro. A maiores do clube de lectura, o CDRF organiza numerosas actividades como faladoiros, presentacións de libros, laboratorios de escritura e formación de usuarias.

BIBLIOTECA XOSÉ NEIRA VILAS

Outra das bibliotecas públicas da cidade atopámola na avenida Martínez Garrido. O club de lectura é un grupo de persoas afeccionadas á lectura que se reúne dúas veces ao mes para comentar e valorar un libro proporcionado pola propia biblioteca coa axuda da coordinadora Marila Ruíz. As datas serán os xoves 1 e 15 e os venres 2 e 16 de outubro, ambos días ás 19:00.

ESCOLA OFICIAL DE IDIOMAS

Á beira da Neira Vilas está o edificio da EOI, onde cada curso organízanse varios clubes de lectura segundo o idioma que desexes aprender. En principio, están programados os de inglés, alemán e galego, mais aínda está pendente de actualización para este ano lectivo 2020/21.

REVISTA ABRIL

MUSEO MARCO

O xoves 1 de outubro abrirase o prazo de inscrición, gratuíta e con prazas limitadas a 9 participantes por grupo, do clube de lectura #BiblioMARCO. A primeira sesión do Grupo 1 será o venres 23 de outubro, na xornada máis próxima ao Día das Bibliotecas (24 outubro). Os eixes argumentais das novelas están relacionados coa arte nas súas distintas manifestacións, e cada sesión está acompañada con material de apoio e catálogos que, alén da lectura en si, establecen relacións con obras e movementos artísticos, o que converte o clube nunha experiencia diferente que axuda a afondar nos contidos da creación contemporánea. Todas as sesión serán de 19:00 a 20:30.

Grupo 1 = 3º venres de cada mes. 1ª sesión : venres 23 de outubro (véspera do Día das Bibliotecas)
Grupo 2 = 4º venres de cada mes
Grupo 3 = 4º mércores de cada mes