O Museo do Mar inaugura a exposición “Tigres coma cabalos”, de Xela Arias e Xulio Gil
O Museo do Mar acolle desde onte a exposición Tigres coma cabalos, un proxecto conxunto de Xela Arias e Xulio Gil que mestura poemas da homenaxeada no Día das Letras Galegas con fotografías en branco e negro. Unha obra publicada orixinalmente en 1990 que xa daquelas se presentou en formato libro e expositivo e que ao que o fotógrafo volve dar vida co apoio da Consellería de Cultura, enmarcado na festividade do 17 de maio.
En 1990 Xela Arias e Xulio Gil deron luz a Tigres coma cabalos un proxecto multisoporte que foi presentado como libro e como exposición e que desde onte, volve á vida no Museo do Mar de Galicia dentro dos eventos programados pola Consellería de Cultura a carón do Día das Letras Galegas 2021. 48 fotografías de gran formato, acompañados de textos poéticos da pluma de Xela Arias están penduradas na sala de exposicións do museo ata o 30 de xuño.
O conxunto chamou a atención hai tres décadas polo seu caracter transgresor xa que, como explicou o fotógrafo no acto de inauguración, “axudou a saír do armario á sociedade galega”, ao retratar os corpos desnudos dunha ducia de homes e mulleres, entre as que se atopan a propia Xela ou a filla de ambos. Hoxe, as imaxes en branco e negro de Xulio Gil seguen a ter unha forza apabullante, entre o pudor e o deleite sexual, coa forza da beleza natural dos corpos nus sen artifios nin apenas atrezzo. Gil foi ademais o encargado de seleccionar as imaxes e comisiariar a mostra, cuxo título, Tigres coma cabalos, está inspirado nos horóscopos chineses de ambos autores.
A exposición foi presentada coa presenza das autoridades de Cultura e Política Lingüística, a delegada da Xunta en Vigo e a responsable do Museo do Mar, así como algúns dos modelos que posaron para Gil en 1988, a nai de Xela Arias, o fillo de Xela Arias e Xulio Gil, Darío Gil; a súa neta e outros membros da familia de ambos artistas. Ademais de no Museo do Mar, Tigres coma cabalos , está dispoñible tamén en formato libro, nunha reedición que a Xunta de Galicia creou ex profeso para a ocasión. Por outra banda, algúns dos poemas do libro, xunto aos de Denuncia do Equilibrio, da mesma autora, serán versionados por Laura LaMontagne y Pico Amperio este domingo no Auditorio Mar de Vigo, nun concerto organizado polo Consello da Cultura Galega que xa ten as entradas esgotadas e no que se mesturarán os versos da poeta con música electrónica e R&B, en consonancia co caracter transgresor e vangardista que sempre demostrou Xela Arias.
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- Fotografía e música únense no concurso ‘Ao son dun cantar’ do Museo Liste - 15 Febreiro, 2025
- O festival Sinsal regresa en xullo con cartel sorpresa - 11 Febreiro, 2025
- A festa ‘Tex-Mex’ de Burritos Cabrones - 7 Febreiro, 2025
- Bembrive, o pulmón verde de Vigo que necesita ser protexido - 31 Xaneiro, 2025
- San Brais, sinfonía de viño e tradición - 30 Xaneiro, 2025