‘Cobiza’, distopía e realidade na última novela de María Reimóndez
A última novela de María Reimóndez é unha distopía que funciona como unha lupa sobre os problemas da sociedade actual e na que se indaga nas relacións humanas, o poder, a ecoloxía e os roles de xénero. A novela resultou gañadora do Premio Literario Pinto e Maragota á diversidade sexual e de xénero. A escritora estará presentando Cobiza (xerais, 2021) este venres 26 no Club Faro.
Cobiza son moitas novelas nunha soa. É a historia de dous mundos (o dos ricos e o dos pobres, o dos homes e o das mulleres) e unha ducia de personaxes que viven nun futuro distópico non tan diferente ao noso, mais no que a distancia nos deixa ver con maior claridade as inxustizas que nel acontecen. En Cobiza a conta dos anos non ten que ver coa morte dun Deus, mais coa Gran Desconexión, o cataclismo que acabou coa civilización, logo de que a humanidade a levase ao extremo con demasiado progreso mal entendido e peor executado. Malia que a sensación é dun tempo, e quizáis un lugar, afastado do noso presente é evidente que Reimñóndez está a utilizar esta realidade ficticia como unha chamada de atención á necesidade de redirixir o noso presente.
A premisa lémbranos a O conto da criada, a popular novela de ciencia ficción feminista de Margaret Atwood. Unha distopía situada nun porvir posible e arrepiante no que, do mesmo xeito que ocorre en Cobiza, a fertilidade da raza humana é cada vez máis escasa e a maternidade pasou a ser unha cuestión de estado. Isto sitúa ás mulleres nunha situación semellante á das vacas estabuladas. Aquelas que sexan agraciadas co don da fertilidade permanecerán a disposición dos homes e o seu único cometido será a da cría e amamantamento. A cambio, pasarán a vivir nas Capitais, un espellismo de progreso do que desfrutan as clases altas. Para a autora non é preciso acudir á literatura para atopar a inspiración da novela, pois témola na realidade e na crecente demanda de ventres de aluguer. “As granxas humanas non son un invento de Atwood nin da ciencia ficción nortemericana, mais unha realidade en países do sur como a India, nos que a capacidade reprodutiva é vista como unha alternativa vital, que permite ás mulleres empobrecidas xerar un produto do que sacar un beneficio económico”.
Malia este escenario pouco esperanzador, a escritora di que a situación extrema que plantexa Cobiza “non é unha visión pesimista dos réditos do feminismo actual”, xa que entende o presente como “a capacidade de marcar novos camiños e tomar decisións de futuro”.
Os binomios muller-natureza e home-cultura percorren Cobiza e todos os seus personaxes, “non como algo esenciais aos propios xéneros, mais como un papel tradicional imposto polo patriarcado”, aclara Reimondez. Están na aceptada necesidade de separar ás mulleres fértiles, única capacidade pola que son consideradas valiosas; máis tamén na violencia que o colonialismo exerce sobre a terra, os corpos e as mulleres. Un fenómeno que na literatura latinoamericada coñécese como a violación da terra, pois extrae dos territorios os recursos precisos para a vida mesma para poñelos a disposición do perpretador.
O colonialismo e a escravitude son o segundo piar sobre o que se sustenta a novela e a historia comeza cando as personaxes son capturadas por un barco e afastadas do seu fogar para poñelas a producir (descendencia) noutras terras. María Reimondez é unha recoñecida activista e cooperante, facilitadora de programas de desenvolvemento feministas en varios países do mundo, polo que a colonización política e cultural e as súas consecuencias son obxecto de estudo recurrente da autora. Ademáis de na trama, o colonialismo tamén se deixa ben (para que se fixa o suficiente) en aspectos máis sutís da trama, como os nomes das personaxes. Shewa, Dandara, Seh-Dong, Tassi… son todos eles nomes de lugares ou personaxes históricos orixinarios dos países do sur e descoñecidos para a cultura occidental. “Gústame agochar cousas a plena vista”, confesa a escritora, que conta que incluiu estes nomes para “que as lectoras interesadas poidan coñecer mulleres que non están presentes no discurso actual e que nos permitirían poñer sobre a mesa debates interesantes”. Todo encaixa.
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- A quen queres ver en Castrelos en 2025? - 22 Novembro, 2024
- Beldade: cociña de autora en Tui - 22 Novembro, 2024
- Stoned at Pompeii, Compañía Ártika e Fran Sieira esta fin de semana en Vigo - 21 Novembro, 2024
- Batalla de bocatas en As Cunchas: ‘Friends’ ou ‘The Bear’? - 20 Novembro, 2024
- Sukha Funk evoluciona: máis vegano e a domicilio - 18 Novembro, 2024