Que pasou realmente con O Marisquiño?
A marcha de Vigo do festival O Marisquiño está a ser a noticia do que vai de ano. Un evento de relevancia mundial que, tras dúas décadas ligado á nosa cidade, decide non celebrar nunca máis as súas probas na urbe olívica. Analizamos os acontecementos desde o principio.
No 2001 nacía O Marisquiño, un pequeno campionato parroquial que se celebrou nas pistas situadas no alto do Castro. Aínda que nun círculo moi concreto, a proposta tivo un éxito notable, o que fixo que o evento mudara a sede á praia de Samil en 2003. Unha boa localización para un acto aínda mediano, que catro anos máis tarde moveríase de maneira definitiva, ata esta semana, a Montero Ríos, un espazo idílico pero cuxa céntrica situación dificulta bastante a montaxe da infraestructura.
Alí o festival estoupou, chegando a recibir a máis de 160.000 persoas na súa última edición, en 2019, e converténdose nun dos eventos máis multitudinarios do Estado e o maior de Galicia. Durante esa semana de agosto, Vigo convertíase no destino turístico de milleiros de familias e persoas de toda a península. Con todo, as relacións entre a organización, a empresa Factor Ulises, e os organismos públicos (Xunta, Deputación e especialmente Concello de Vigo) nunca foron todo o sinxelas que as partes quererían.
A edición de 2018 marcou un punto de inflexión: na última xornada do festival, o 12 de agosto, a estrutura que suxeitaba o paseo de madeira de As Avenidas derrubábase durante un concerto, abríndose un buraco ao mar no que caeron decenas de asistentes: máis de 300 feridos, cinco deles de gravidade. Aí comezou unha guerra política ente o Concello e a Autoridade Portuaria que chega ata os nosos días. As obras de reconstrución do paseo iniciáronse a principios deste 2021, é dicir, dous anos e medio despois do incidente.
Neste período celebrouse unha edición do festival, a de 2019, co xigantesco burato da vergoña recordándonos as ironías da política: queremos que celebres o festival aquí, pero non imos arranxar esta desfeita. Existiu a proposta de levar de novo o evento a Samil, idea que finalmente non foi levada a cabo debido á conxestión que causarían os asistentes nas praias en pleno verán. Esa edición foi a máis exitosa da súa historia, xerando un retorno económico de 20 millóns de euros na cidade, segundo as asociacións de hostaleiros locais.
Ese mesmo ano Abel Caballero denunciou que a Xunta de Galicia intentou que O Marisquiño marchara de Vigo, ademais de comparar a inversión do goberno autonómico (120.000€) coa do Concello e a Deputación de Pontevedra (500.000€). Tamén aconteceu un cambio na directiva de Factor Ulises, con Joako Ezpeleta ocupando o posto de Carlos “Pity” Domínguez, quen lamentaba o desentendemento por parte dos organismos públicos tras o accidente de 2018. En decembro de 2020 o festival publicaba algúns dos factores clave dese ano, no que se viron obrigados a cancelar debido á pandemia o seu XX Aniversario. Un deles era que “algunhas institucións colaboraron nas accións deste ano, outras mostraron o seu apoio de fronte ao ano que vén, mesmo reafirmaron o seu compromiso con O Marisquiño”.
Este apoio viuse diluido, polo visto, neste 2021. A organización anunciou que cancelaba a edición prevista para o verán e que non volvería ter lugar nin en Vigo nin en Galicia no futuro. O principal motivo: o Concello e a Deputación reduciron nun 70% a partida económica (deixando a cifra final nuns 150.000€), sumado a que a Xunta aínda non manifestara ningunha cantidade. Na edición de 2019 o Concello aumentara nun 45% a súa financiación ao evento, pasando de 220.000€ a 320.000€ (sen contar os cartos da Deputación), cantidade que tiña pensado manter polo menos nos dous seguintes anos.
Caballero, pola súa parte, razonou que “os fondos públicos adminístranse de acordo á envergadura do evento”, e que ante unha versión reducida do festival “non poden ter a mesma axuda que o resto de anos. O meu interventor non me deixa”. Mesmo atreveuse a vaticinar o que vai pasar: “xa verán como dentro de dous anos hai Marisquiño en Vigo… se é que este ano se van”. Un día despois, xogou ao despiste anunciando que en 2022 o Náutico albergará “o certame de deporte urbano máis importante que se fixo nunca na historia desta cidade”. Iso si, sen aclarar se será O Marisquiño ou baixo outro nome.
Semella que estas palabras non son suficientes para a organización, a oposición e a cidadanía. Marea e PP culpan a Caballero da marcha do festival, mentres que o BNG rexistrou este luns unha moción para reclamar ao Concello e a Xunta as negociacións precisas para que o evento non se vaia de Galicia. As redes sociais tamén se encheron de mensaxes nas que abondaba o descontento, lamentando a partida do evento máis salientable da cidade. Neste momento, máis de 2.500 persoas asinaron unha petición en Change.org para que o festival fique en Vigo. Un festival que a día de hoxe está máis fóra que dentro, aínda que tampouco sabemos se estamos a vivir en directo un tira e afrouxa público entre organización e Concello para aumentar os orzamentos. Permaneceremos á espreita do que ocurra no futuro.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024